Rede Nasa

Combine your search criteria to find the material you are looking for


Eurozone

Eurozone

Abrimos este espazo para transparentar o proceso de traballo de Eurozone, a nova obra dos Chévere. Para que podas entrar e compartir probas, erros, dúbidas e solucións que van aparecendo cada día. Un espazo onde poderás interactuar cos actores e actrices da obra e seguir o desenvolvemento dos ensaios a través dos diarios de cada un deles. No Blog de Eurozone tamén atoparás información sobre os materiais xerados, sobre convocatorias, ensaios abertos, datas de estrea e funcións da obra.

O thriller e reservoir dogs

O thriller é un xénero que se caracteriza por poñer ao servizo da intriga principal todos os elementos narrativos, técnicos e dramáticos co fin de xerar unha constante expectativa no público. O thriller é unha extensión do xénero de suspense que desenvolveu a capacidade de integrar e solapar outros subxéneros. Para manter a incertidume anímase a participar mentalmente ao espectador na resolución da trama, para o que moitas veces se lle facilita unha información habilmente dosificada e mesmo manipulada. O motivo máis espectacular do thriller é a aparición de numerosas hipóteses posibles para resolver os interrogantes formulados na trama.

Os personaxes de Reservoir Dogs son matóns profesionais ou ladróns. Ese é seu traballo, fanno cada mañá, todos os días.  Para eles ir dar unha malleira a alguén é só o traballo diario. Tarantino recolle estes arquetipos do cine negro que xa temos visto milleiros de veces e os coloca nunha situación da vida cotián, amosando as súas conversas máis irrelevantes.
Se mudamos matóns/ladróns por políticos/banqueiros, xente que cada día ordena desafiuzamentos, amnistías fiscais, recortes educativos, privatizacións de hospitais... Entón estaremos no punto de partida deste traballo.

Establecer un diálogo entre a nosa peza e Reservoir Dogs, contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de EUROPA, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro.

Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?