Rede Nasa

Combine your search criteria to find the material you are looking for


Eroski Paraíso: the movie

Eroski Paraíso: the movie

Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada por Chévere que agora, tres anos despois, se convirte nunha longametraxe. Nela nárrase a rodaxe dun documental que Álex, unha cineasta nova, está filmando nun decorado onde se superpoñen a antiga discoteca Paraíso e o actual supermercado Eroski. Este é o retrato dunha xeración que o tiña todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se percorrese o corredor dun supermercado.

Notas de dirección

Jorge Coira

Cando cheguei a Santiago de Compostela a principios dos 90, sendo practicamente un rapaz, o grupo Chévere estaba iniciando a súa carreira. Dende o principio, conectaron co público polas súas propostas teatrais divertidas, atrevidas e irreverentes e eu tiven a inmensa fortuna de coñecelos e aprender deles vendo os seus espectáculos e participando nalgunhas das tolerías que se organizaban na sala na que residían: a Sala Nasa.

Cos anos, o seu teatro foi medrando, madurando e na actualidade son unha das compañías máis recoñecidas do país. Por iso, cando comezamos a falar da posibilidade de adaptar a obra Eroski Paraíso, no primeiro no que pensamos foi en se teríamos realmente algo que aportar ao trasladar a obra a outra linguaxe. A idea era atractiva e xoguetona; ao fin e ao cabo, a obra trata sobre a rodaxe dun documental, de forma que o cruce de linguaxes xa comezou sobre o escenario.

E foi ao comezar a concretar unha proposta base para a adatación, ao empezar a xogar coa idea de poñer as cámaras no centro da narración -converténdose nunha personaxe máis da historia- e ao imaxinar as posibilidades de xogar con elas en pantalla partida… que comecei a entusiasmarme.

A partir de aí comezou un proceso moi gozoso no que, dende o inicio, se fixo obvia a enorme xenerosidade dos Chévere, que non só non vían problemas ante das necesidades da nova linguaxe, senón que as asumían coa conciencia de estar facendo unha obra que, sen esconder a súa conexión co espectáculo teatral, acabaría aportando un diálogo novo e diferente entre cine e teatro.

Xron

É probable que cada unha das máis de trinta mil persoas que asistiron a unha función de Eroski Paraíso no teatro teña a súa propia película na cabeza. Porque na obra hai unha invitación deliberada ao público para que coloque a cámara onde lle pete, decida os planos que mellor lle conveñan e os vaia organizando ao seu xeito. Pero ao mesmo tempo gran parte do público sairá do teatro coa certeza de que Álex tiña a súa película moi clara, aínda que non a vexamos en ningún momento. Álex é Alexandra, a filla de Eva e Toño, a rapaza que quere facer unha película sobre o reencontro dos seus pais vintecinco anos despois de que se coñeceran na sala de festas O Paraíso de Muros. Un documental de creación que recupera a memoria dunha xeración para retratar a súa perda de identidade nun mundo globalizado. En Chévere fantaseamos case desde o día da estrea coa posibilidade de filmar ese guión que Álex tentaba levar a cabo en cada función. Mesmo nos propuxemos seriamente o obxectivo de facelo cando a obra deixara de percorrer os escenarios, para que quedase un rexistro do que foi esta historia. Pero pouco a pouco démonos de conta que esa película non existía. O plan de Álex era unha pura tentativa, era un argumento narrativo que apenas existía para facilitar esa ficción teatral que é Eroski Paraíso.

Por tanto, esta non é a película de Álex. Porque este novo filme tiña que facelo alguén coa madurez e o atravemento necesarios para aceptar o reto envelenado de entrar nese diálogo entre o cine e o teatro que propón Eroski Paraíso. Alguén disposto a devolver ao vocabulario do cine unha película escrita coa gramática do teatro. Alguén que incorporase a cámara coma se fose outro personaxe, que a soubese mover entre liñas, que algunhas veces a fixese entrar a dialogar e outras simplemente a deixase observando. Alguén que soubese mirar a través da cámara sen tratar de ocultar a orixe teatral do que se está contando. Facer este filme tamén foi un exercicio de sinerxía, unha práctica de cooperación entre profesionais do cine e do teatro. Un traballo conxunto, unha discusion compartida. Unha celebración da liberdade creativa e das complicidades que se poden dar nun sitio tan pequeno e afastado como Galicia. Un privilexio propio de xente que non perdeu a capacidade de pensar e actuar fóra da lóxica da industria do entretemento.

Hai que agradecer a todo o equipo de profesionais do teatro e do cine que traballaron para que este artefacto cinescénico que é Eroski Paraíso adopte unha nova forma sobre unha pantalla de proxección. Espero que a gocedes tanto coma nós facéndoa.