Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Eroski Paraíso: o filme

Eroski Paraíso: o filme

Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada por Chévere que agora, tres anos despois, se convirte nunha longametraxe. Nela nárrase a rodaxe dun documental que Álex, unha cineasta nova, está filmando nun decorado onde se superpoñen a antiga discoteca Paraíso e o actual supermercado Eroski. Este é o retrato dunha xeración que o tiña todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se percorrese o corredor dun supermercado.

Notas de dirección

Cando cheguei a Santiago de Compostela a principios dos 90, sendo practicamente un rapaz, o grupo Chévere estaba iniciando a súa carreira. Dende o principio, conectaron co público polas súas propostas teatrais divertidas, atrevidas e irreverentes e eu tiven a inmensa fortuna de coñecelos e aprender deles vendo os seus espectáculos e participando nalgunhas das tolerías que se organizaban na sala na que residían: a Sala Nasa.


Cos anos, o seu teatro foi medrando, madurando e na actualidade son unha das compañías máis recoñecidas do país. Por iso, cando comezamos a falar da posibilidade de adaptar a obra Eroski Paraíso, no primeiro no que pensamos foi en se teríamos realmente algo que aportar ao trasladar a obra a outra linguaxe. A idea era atractiva e xoguetona; ao fin e ao cabo, a obra trata sobre a rodaxe dun documental, de forma que o cruce de linguaxes xa comezou sobre o escenario.


E foi ao comezar a concretar unha proposta base para a adatación, ao empezar a xogar coa idea de poñer as cámaras no centro da narración -converténdose nunha personaxe máis da historia- e ao imaxinar as posibilidades de xogar con elas en pantalla partida… que comecei a entusiasmarme.


A partir de aí comezou un proceso moi gozoso no que, dende o inicio, se fixo obvia a enorme xenerosidade dos Chévere, que non só non vían problemas ante das necesidades da nova linguaxe, senón que as asumían coa conciencia de estar facendo unha obra que, sen esconder a súa conexión co espectáculo teatral, acabaría aportando un diálogo novo e diferente entre cine e teatro.
Jorge Coira