Rede Nasa
Curva España
Curva España
Abrimos este espazo para documentar o proceso de creación de Curva España, o novo proxecto de Chévere que se estreará en xullo de 2019. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local: a da Curva España, situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.
-
A partir do 12 de marzo cancélanse todas as datas da xira por culpa da Covid-19
O 12 de marzo decídese o peche de todos os teatros de Madrid e, por tanto, a cancelación do resto de funcións de Curva España prevista en Teatros del Canal. A partir dese momento vai producindo a cancelación encadeada de todas as funcións previstas para marzo e para os seguintes meses, sen que saibamos cando poderemos retomar as actuacións.
A intención da compañía e dos teatros é recolocar as funcións canceladas noutras datas. En canto teñamos información fiable, informaremos do novo calendario de actuacións.
-
Curva España, moitas funcións no inicio de 2020
Curva España, o novo espectáculo de Chévere, comeza o ano 2020 cunha chea de funcións e no mes de febreiro iniciará a súa xira por España, permanecendo en tempada durante o mes de marzo en Teatros del Canal (Madrid), coprodutor da obra. Aquí tedes todos as datas:
-16 xaneiro, Teatro AFundación Vigo
-17 xaneiro, Auditorio Sede AFundación Pontevedra
-19 xaneiro, Auditorio Gustavo Freire Lugo
-24 e 25 xaneiro, Teatro Principal Ourense
-31 xaneiro, Casa da Cultura Bertamiráns (Ames)
-28 febreiro, Teatro Felix Petite de Vitoria-Gasteiz
-1 marzo, Teatro Coliseo Antzokia de Eibar
-4 ao 15 de marzo, Teatros del Canal de Madrid
-20 de marzo, Pazo da Cultura de Carballo (A Coruña)
-21 de marzo, Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
-26 de marzo, Teatro de la Audiencia de Soria
-27 de marzo, Centro Cultural Pérez de la Riva de Las Rozas (Madrid)
-28 de marzo, Teatro Latorre de Toro (Zamora)
-25 de abril, Teatro Barakaldo (Barakaldo, Biskaia)
-
Derradeiras funcións do ano no mes de novembro
Curva España comezou a xirar no mes de setembro e nas primeiras dez funcións xa superou os 5.000 espectadores.
En novembro pódela ver en:
Teatro da Cidade Universitaria de Vigo, xoves 7 ás 18,30h.
Salón Teatro de Lalín, venres 8 ás 21,30h.
Teatro Lois Tobío de Gondomar, sábado 9 ás 20,00h.
Curva España recibiu unha das mellores acollidas a unha obra de Chévere, premio ao mellor espectáculo no FETEGA 2019, con multitude de eloxios tanto da crítica como do público xeral:
Unha obra intelixente, honesta e afouta.
Fabrice Corrons, investigador Universidade de Toulouse (Francia)
Un atrevimiento que nos invita a jugar, a fabular, y a repensar el terreno que pisamos.
Afonso Becerra, Artezblai.
Chévere xoga con honestidade e humildade, deixándolle ao público o papel de detective.
Manuel Xestoso, Erregueté
Una de las propuestas más complejas y menos condescendientes de cuantas hayamos visto a Chévere.
Hugo Álvarez, Butaca en anfiteatro
Chévere engancha por completo al público con su historia de la curva en la que se mató España.
David Rodríguez, Salamanca Al Día
Imprescindíbel. Curva España lémbranos o por que do teatro. Obra arriscada e valente.
Suso de Toro
Un montaje documental sobre el tren a Galicia que podría haberse emitido perfectamente en Netflix.
Tuiteatreros
Boísima, divertida, fai pensar... e vemos que as construtoras son as mesmas que en tempos de Primo de Rivera.
Marilar AleixandreBrutal mesmo o novo espectáculo dos Chévere.
José Ramón PichelImprescindible. A camiño entre o cine e o teatro, realidade e ficción, historia e lenda.
Dores S. Alegre
Pedagóxica, valente, suxestiva, imprescindíbel.
Henrique RabuñalMoi instrutiva (saín sabendo cousas e coñecendo personaxes deste país que descoñecía), moi dinámica, metateatral, e sorprendente. Non a perdas!
Quique Costas
-
Estrea en Ribadavia
Logo de meses de ensaios, o 25 de xullo estreamos Curva España na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que coproduce a obra xunto con Teatros del Canal e o Concello de Teo. A primeira función desta nova peza foi ao aire libre, no fermoso Auditorio do Castelo, ateigado para a ocasión. O público dedicounos un xeneroso aplauso que agradecimos moito.
Logo da representación, e a pesar da hora (rematamos case á 1 da madrugada) xuntámonos para un faladoiro no que non faltaron as preguntas.
-
Curva España, moito traballo gráfico por dentro
Unha das incorporacións máis novidosas ao equipo de Curva España é a do ilustrador Óscar Villán, con que compartimos territorio vital e laboral en Teo. Había tempo que queríamos traballar con el e agora presentouse a ocasión propicia. Ademais do traballo gráfico habitual (deseño de cartelería) en Curva España propuxémonos facer unha escena que require un importante traballo gráfico visual. Queremos recrear un popular formato audiovisual de Youtube, eses titoriais didácticos sobre algún tema histórico (tipo "A historia de Galicia en dez minutos"). Para iso, debemos combinar un guión ben elaborado cun repertorio de imaxes gráficas e unha manipulación en directo que permite achegarse con rigor e humor á historia da construción do ferrocarril en España. É unha escena que cumpre unha función didáctica (achegar información histórica sobre a construción do ferrocarril en relación coa historia de España), ademais de crear un contexto histórico necesario para o resto da obra. Ademais, servirá para expoñer un relato que relaciona a construción do ferrocarril coa construción do estado-nación, explicando as distintas velocidades territoriais, as intervencións dos poderes económicos e políticos na toma de decisións e o carácter subalterno de determinados territorios e sectores sociais.
O traballo de Óscar Villán e Iván Suárez foi moi elaborado e minucioso. Nós pasámoslle un guión inicial cos temas que se tocarían e un desglose de personaxes e feitos históricos, para comezar a extraer ou penar un repertorio de imaxes. Despois o guión foise matizando e concretando, adquirindo o ton definitivo. Polo camiño apareceu a idea base: que toda a escena fose unha especie de xogo de cartas nun casino. Iso deunos a referencia fundamental da baralla para ligar toda a escena, xunto co uso dos mapas coma se fosen o tapete sobre o que se fai o xogo. Primeiro fixeron uns prototipos de cartas que se foron poñendo a proba e mellorando. E ao final decidiuse o acabado de cada carta, para que fixeran a baralla completa, todas as cartas feitas a man, de unha en unha. Un gran traballo.
-
María Victoria Fernández España
Outro personaxe que redescubrimos a raíz de mergullarnos polas corredoiras da Curva España é o de María Victoria Fernández España (Victoria Armesto), filla do enxeñeiro España, neta do fundador da Voz de Galicia, xornalista, escritora e figura política da Transición, que chegou a ser a primeira vicepresidenta da Mesa do Congreso despois das primeiras eleccións democráticas en España. O seu papel durante os anos 70 e 80 na politica galega ten algunhas conexións co que podería ter representado o propio Eloi Luís André durante os anos 20, loitando pola soberanía política de Galicia desde posicións heterodoxas fóra do pensamento nacionalista.
Se seguides lendo, podedes atopar un resumo da entrevista a María Victoria que Ursula Heinze recolle no seu libro "Mulleres", editado en 1990 por Edicións Xerais. Compartimos aquelas ideas que nos resultaron máis interesantes, moitas das cales trataremos de incorporar a Curva España.
-
A Curva España, hsitoria e lenda, todos os datos
Despois de consultar numerosas fontes e testemuños, recollemos e xuntamos os datos sobre a morte do enxeñeiro na coñecida como Curva España, para reconstruír o fío cronolóxico dos feitos dentro do seu contexto e poder ofrecer un relato das circunstancias da morte.
-
Vilardevós, casa de Eloi Luis André
Durante o proceso de preparación de Curva España descubrimos a un personaxe un tanto esquecido pola historia, que nos parece especialmente recuperable e reivindicable neste momento: o filósofo e profesor Eloi Luis André, que naceu en Vilardevós e tivo un papel protagonsita na historia do trazado do ferrocarril de acceso a Galicia polo sur, a través da provincia de Ourense. O seu estudo de trazado alternativo por Verín, Xinzo e Allariz foise convertendo nunha peza clave da historia. Soubemos del por xente como o historiador Alberte Blanco e Vicente Rodríguez, director da Biblioteca Municipal de Verín. E pouco a pouco fomos dando con máis información sobre a súa figura ata chegar á súa propia familia, que conserva na súa casa de Vilardevós gran parte dos seus escritos. Así que alá fomos, ata Vilardevós, na Raia Seca, fronte a Portugal. E falamos con Marina Lovelace, parella de Carlos Thiebaut, neto de André, que nos abriu xenerosamente a súa casa. E con veciños de Vilardevós como Ramón e Xoán Tallón, que ao longo deste tempo mantiveron viva a memoria do filósofo e psicólogo ourensán. Os seus testemuños tamén estarán presentes na obra.
Pica no título do post para saber máis de Eloi Luis André.
-
Unha película documental ao vivo
Iniciamos o tratamento dramatúrxico da obra sobre unha base bastante concreta, unha idea que xa ronda o proxecto desde o comezo: montar a obra coma unha película, un thriller documental. Trataría sobre a investigación arredor dun enxeñeiro que aparece morto durante a construción da vía do tren Zamora-Ourense. Durante a investigación descúbrese unha trama de intereses e corrupcións relacionados coa construción do trazado da vía do tren, como chegan a interferir cuestións ideolóxicas sobre outras de carácter técnico, como pode ser a propia vertebración do territorio, evitar a conexión con Portugal, priorizar que todas as liñas teñan como destino Madrid, o centro do estado, etc.
A principal referencia van ser os formatos documentais sobre crimes reais (true crime) que proliferan en plataformas como Netflix ou HBO. Pelis e series como The Keepers, The Jinx, The Staircase, Amanda Knox, Casting JonBenet..., que, sen perder a súa base real e afondando nas entrevistas e testemuños, forzan os límites da realidade para construir un artefacto narrativo moi efectivo e suxerente.
A idea é mesturar teatro e cine ao vivo. Construír un filme ao vivo en escena e mostralo nunha pantalla simultaneamente. Non é algo especialmente orixinal, estase facendo moito, pero neste caso pode ser un xeito moi eficaz para contar a nosa historia. Teremos en conta as experiencias desenvolvidas por moita outra xente, como a directora brasileira Cristiane Jathay, a británica Katie Mitchell ou o suízo Milo Rau, con procedementos e resultados moi diversos. Nós terémoslle que dar a nosa voltiña ao formato, adaptalo aos recursos que ofrece a hsitoria da Curva España e facelo noso. Traballaremos en varios espazos nos que irá discorrendo a obra, como pequenos sets nos que se irán gravando distintas escenas: declaracións, entrevistas, debates, situacións dramatizadas... Os actores iranse caracterizando en escena para cada momento. En escena tamén estaría a operadora de cámara e alguén editando ao vivo o que se proxecta na pantalla (montando entrevistas gravadas previamente e escenas feitas en directo), a iluminación irá por cada set, coma se fose feita desde dentro do escenario e non tanto para mirar desde fóra.
-
Comezamos a primeira fase de ensaios
Estamos rematando a primeira fase de ensaios, tres semanas para debater os temas que trata a obra, probar en escena como soan as palabras, como son as voces e os perfiles e atopar o xeito de como e desde onde contar a nosa historia. Algúns dos elementos que validamos e incorporaremos son: incorporarnos como personaxes de ficción para contar na obra como demos coa historia da Curva España, usar o formato do xénero policial para montar unha estrutura narrativa e xestionar a información que se lle vai dando ao público, tratar de que funcione como unha alegoría sobre España, sobre a construción do estado-nación español e montar a posta en escena coma se fose unha película documental, incorporando cámaras e persoal audiovisual en escena.
Un amigo, Paco Bixou, agasallounos cun libro de Borges e Bioy Casares: Os mellores contos policiais (2). Díxonos "lede un conto que se chama En el bosque". Lemos ese conto e todos os do libro e o policial quedou metido coma unha peza clave dentro do motor dramtúrxico da obra. En el bosque é un conto do escritor xaponés Ryunosuke Akutagawa que, curiosamente, suicidouse o mesmo ano que España se matou na curva. Nel se conta a misteriosa morte funha muller a partir dos testemuños de distintas persoas relcionadas co caso.