Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Curva España

Curva España

Abrimos este espazo para documentar o proceso de creación de Curva España, o novo proxecto de Chévere que se estreará en xullo de 2019. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local: a da Curva España, situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.

  • Estrea en Ribadavia

    Logo de meses de ensaios, o 25 de xullo estreamos Curva España na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que coproduce a obra xunto con Teatros del Canal e o Concello de Teo. A primeira función desta nova peza foi ao aire libre, no fermoso Auditorio do Castelo, ateigado para a ocasión. O público dedicounos un xeneroso aplauso que agradecimos moito.

    Logo da representación, e a pesar da hora (rematamos case á 1 da madrugada) xuntámonos para un faladoiro no que non faltaron as preguntas.

  • A Curva España, historia e lenda, todos os datos

    Despois de consultar numerosas fontes e testemuños, recollemos e xuntamos os datos sobre a morte do enxeñeiro na coñecida como Curva España, para reconstruír o fío cronolóxico dos feitos dentro do seu contexto e poder ofrecer un relato das circunstancias da morte.

    Se che interesa, segue lendo.

     

  • Vilardevós, casa de Eloi Luis André

    Durante o proceso de preparación de Curva España descubrimos a un personaxe un tanto esquecido pola historia, que nos parece especialmente recuperable e reivindicable neste momento: o filósofo e profesor Eloi Luis André, que naceu en Vilardevós e tivo un papel protagonsita na historia do trazado do ferrocarril de acceso a Galicia polo sur, a través da provincia de Ourense. O seu estudo de trazado alternativo por Verín, Xinzo e Allariz foise convertendo nunha peza clave da historia. Soubemos del por xente como o historiador Alberte Blanco e Vicente Rodríguez, director da Biblioteca Municipal de Verín. E pouco a pouco fomos dando con máis información sobre a súa figura ata chegar á súa propia familia, que conserva na súa casa de Vilardevós gran parte dos seus escritos. Así que alá fomos, ata Vilardevós, na Raia Seca, fronte a Portugal. E falamos con Marina Lovelace, parella de Carlos Thiebaut, neto de André, que nos abriu xenerosamente a súa casa. E con veciños de Vilardevós como Ramón e Xoán Tallón, que ao longo deste tempo mantiveron viva a memoria do filósofo e psicólogo ourensán. Os seus testemuños tamén estarán presentes na obra.

    Pica no título do post para saber máis de Eloi Luis André.

  • Unha película documental ao vivo

    Iniciamos o tratamento dramatúrxico da obra sobre unha base bastante concreta, unha idea que xa ronda o proxecto desde o comezo: montar a obra coma unha película, un thriller documental. Trataría sobre a investigación arredor dun enxeñeiro que aparece morto durante a construción da vía do tren Zamora-Ourense. Durante a investigación descúbrese unha trama de intereses e corrupcións relacionados coa construción do trazado da vía do tren, como chegan a interferir cuestións ideolóxicas sobre outras de carácter técnico, como pode ser a propia vertebración do territorio, evitar a conexión con Portugal, priorizar que todas as liñas teñan como destino Madrid, o centro do estado, etc.

    A principal referencia van ser os formatos documentais sobre crimes reais (true crime) que proliferan en plataformas como Netflix ou HBO. Pelis e series como The Keepers, The Jinx, The Staircase, Amanda Knox..., que, sen perder a súa base real e afondando nas entrevistas e testemuños, forzan os límites da realidade para construir un artefacto narrativo moi efectivo e suxerente.

    A idea é mesturar teatro e cine ao vivo. Construír un filme ao vivo en escena e mostralo nunha pantalla simultaneamente. Non é algo especialmente orixinal, estase facendo moito, pero neste caso pode ser un xeito moi eficaz para contar a nosa historia. Teremos en conta as experiencias desenvolvidas por moita outra xente, como a directora brasileira Cristiane Jathay, a británica Katie Mitchell ou o suízo Milo Rau, con procedementos e resultados moi diversos. Nós terémoslle que dar a nosa voltiña ao formato, adaptalo aos recursos que ofrece a hsitoria da Curva España e facelo noso. Traballaremos en varios espazos nos que irá discorrendo a obra, como pequenos sets nos que se irán gravando distintas escenas: declaracións, entrevistas, debates, situacións dramatizadas... Os actores iranse caracterizando en escena para cada momento. En escena tamén estaría a operadora de cámara e alguén editando ao vivo o que se proxecta na pantalla (montando entrevistas gravadas previamente e escenas feitas en directo), a iluminación irá por cada set, coma se fose feita desde dentro do escenario e non tanto para mirar desde fóra.

     

  • Comezamos a primeira fase de ensaios

    Estamos rematando a primeira fase de ensaios, tres semanas para debater os temas que trata a obra, probar en escena como soan as palabras, como son as voces e os perfiles e atopar o xeito de como e desde onde contar a nosa historia. Algúns dos elementos que validamos e incorporaremos son: incorporarnos como personaxes de ficción para contar na obra como demos coa historia da Curva España, usar o formato do xénero policial para montar unha estrutura narrativa e xestionar a información que se lle vai dando ao público, tratar de que funcione como unha alegoría sobre España, sobre a construción do estado-nación español e montar a posta en escena coma se fose unha película documental, incorporando cámaras e persoal audiovisual en escena.

    Un amigo, Paco Bixou, agasallounos cun libro de Borges e Bioy Casares: Os mellores contos policiais (2). Díxonos "lede un conto que se chama En el bosque". Lemos ese conto e todos os do libro e o policial quedou metido coma unha peza clave dentro do motor dramtúrxico da obra. En el bosque é un conto do escritor xaponés Ryunosuke Akutagawa que, curiosamente, suicidouse o mesmo ano que España se matou na curva. Nel se conta a misteriosa morte funha muller a partir dos testemuños de distintas persoas relcionadas co caso.

  • Curva España en El País

    Mentres estábamos gravando entrevistas para Curva España na Biblioteca Municipal de Verín, recibimos a visita de Sonia Vizoso, de El País, que fixo case 500 km nun día para escribir este artigo sobre o proceso de creación do novo espectáculo de Chévere. Podedes ler a reportaxe enteira aquí.

  • Na Curva España

    Xa estamos de volta de Verín coas mans cheas e os discos duros ata arriba de información: case trinta persoas pasaron durante estes días pola Biblioteca Municipal de Verín para compartir con nós os relatos que chegaran ata eles sobre a historia da Curva España. Porén, entre tanta entrevista, aínda atopamos un momento para achegármonos ata o lugar que dá nome ao noso novo espectáculo e sacar unha foto.

    Con todos vós, a Curva España.

  • Queres colaborar con Chévere?

    Isto é unha chamada a toda a xente da comarca de Verín!

    Na última visita de Chévere a Verín en novembro do ano pasado para actuar con Eroski Paraíso faláronnos da Curva España. Dixéronnos que en Verín coñécea todo o mundo.

    Agora estamos preparando o novo proxecto de Chévere para 2019-20 e a historia da Curva España vai ser o noso punto de partida. Queremos saber que é iso da Curva España. Onde está. De onde lle vén o nome. Queremos saber se é certo que en Verín todo o mundo pode contar a historia da Curva España.

    Se ti tamén coñeces a historia da Curva España, se lla oíches aos teus pais ou avós ou a unha veciña, gustaríanos que a compartises con nós, que nos contaras de que vai, quen cha contou, como cha contaron...

    Nós imos estar o sábado 23 de marzo na Biblioteca Municipal de Verín para escoitarvos. De 10,30h. a 14,00h. e de 17,00h. a 20,30h. Se nolo queres vir contar, pasa por alí! Se só podes vir a unha hora determinada, mándanos un mail ou un whatsapp para fixar contigo a hora do día que mellor che vaia. Grazas pola túa colaboración!

    Os nosos contactos:

    MAIL info@grupochevere.eu

    MÓBIL 628474557

     

    Vídeo
  • A historia do ferrocarril

    Seguindo co traballo de investigación arredor da Curva España, nestas semanas estamos entrando no mundo da historia do ferrocarril en Galicia e España, unha historia non demasiado coñecida e moi interesante porque ofrece novas luces sobre a escura historia de España no século XIX e, sobre todo, ilustra o proceso de conformación do estado nación español moderno. Ademais das numerosas procuras en internet, onde se atopan algunhas páxinas interesantes sobre a construción da liña Zamora-Ourense, o noso principal apoio está sendo o estudo feito por Alberte Blanco sobre "O Conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense", onde analiza e achega importante documentación sobre a accidentada construción desta liña e as alternativas plantexadas. Outros autores que tratan o tema son Xosé Carlos Fernández (El Ferrocarril en Galicia), e os que nos ofreron pistas sobre o caso da morte do enxeñeiro foron Rafa Cid (Carrilanos) e Xerardo Dasairas (Crónicas Rexiomontanas II).

  • Unha sesión de fotos

    Hoxe aproveitamos que o inverno dera unha tregua para ir sacar unhas fotos que nos acompañásen nos comezos de Curva España e que nos valesen como material gráfico mentres acabamos de definir a imaxe do novo espectáculoo. Estamos nunha fase inicial e aínda non sabemos exactamente que camiño vai coller o proxecto, así que de momento decidimos ir ao seguro: aparecerían Xron, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e unha vía de tren.