Este ano cumprimos tres décadas! Para facer memoria do que foi Chévere ao longo destes anos, cedímoslle a palabra a quen mellor pode facelo: o público. Persoas de varias xeracións falan da súa relación con Chévere, lembran como coñeceron ao grupo, que sentiron ao ver algunhas das obras, que lles pareceu o que viron...
Para celebrar este trinta aniversario, nós tamén queremos facerlle un agasallo ao público que nos veu acompañando todo este tempo, e por iso recuperaremso tres espectáculos míticos do repertorio antigo da compañía, que se poderán ver xuntos exclusivamente en Santiago durante o mes de xullo (non haberá xira posterior), grazas a unha coprodución da compañía e o Concello de Santiago. Do día 4 ao 9 dese mes o Teatro Principal de Santiago acollerá o aclamado Río Bravo, mentres que a premiada ópera Annus Horribilis estará no Auditorio de Galicia entre os días 12 e 14. Finalmente, a Praza da Quintana servirá de escenario para representar a Ultranoite no País dos Ananos o día 19 de xullo. A entrada a este último espectáculo será de balde. Se queres mercar entrada para os outros dous espectáculos tes máis información aquí.
Como guindas a este pastel, faranse tres presentacións puntuais só durante o mes de xullo:
1 de xullo, Río Bravo na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
15 de xullo, Annus Horríbilis no Tom de Festa de Tondela (Portugal)
16 de xullo, Annus Horríbilis na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia