Eroski Paraíso é a primeira produción da compañía Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. No primeiro ano en xira desde a súa estrea acadou as 66 funcións e foi vista por 17.000 persoas en 33 localidades de 5 comunidades autónomas, converténdos nun dos espectáculos galegos máis visto dos últimos anos. En 2017 seguirá en xira, con actuacións previstas en Albacete, Zaragoza, Granada, Sevilla, Alcalá, Basauri, Eibar, Ponferrada, Vilareal...
Eroski Paraíso é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade da costa galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, e que pouco despois foi convertida nun supermercado Eroski, un feito que, mudando os nomes, repítese en infinidade de lugares.
A obra aliméntase do innato sentido do humor de Chévere, profundizando nunha perspectiva crítica da realidade contemporánea e explorando novas zonas de intersección entre a linguaxe cinematográfica e o teatro. Planeada como unha rodaxe dunha película documental, Eroski Paraíso retrata o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria. Porque o paraíso prometido polo Estado de Benestar en realidade ten a forma dun supermercado.