Este ano cumprimos tres décadas! Para facer memoria do que foi Chévere ao longo destes anos, cedímoslle a palabra a quen mellor pode facelo: o público. Persoas de varias xeracións falan da súa relación con Chévere, lembran como coñeceron ao grupo, que sentiron ao ver algunhas das obras, que lles pareceu o que viron...
Para celebrar este trinta aniversario, nós tamén queremos facerlle un agasallo ao público que nos veu acompañando todo este tempo, e por iso recuperaremos tres espectáculos míticos do repertorio antigo da compañía, que se poderán ver xuntos exclusivamente en Santiago durante o mes de xullo (non haberá xira posterior), grazas a unha coprodución da compañía e o Concello de Santiago. Do día 4 ao 9 dese mes o Teatro Principal de Santiago acollerá o aclamado Río Bravo, mentres que a premiada ópera Annus Horribilis estará no Auditorio de Galicia entre os días 12 e 14. Finalmente, a Praza da Quintana servirá de escenario para representar a Ultranoite no País dos Ananos o día 19 de xullo. A entrada a este último espectáculo será de balde. Se queres mercar entrada para os outros dous espectáculos tes máis información aquí.
Como guindas a este pastel, faranse tres presentacións puntuais só durante o mes de xullo:
- 1 de xullo, Río Bravo na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
- 15 de xullo, Annus Horríbilis no Tom de Festa de Tondela (Portugal)
- 16 de xullo, Annus Horríbilis na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
Moitísimas grazas a todas as pesoas participantes neste vídeo: Cielo Lista, Suso Sanmartín, Marga portela, Viducha, Asun, Cristina Marco, Iván Arceo, Macías, Lita, María Jesús, Fernando López, Elena Villaverde, Mari Marcos, Paco Bonos, Catalina, Emilio Villanueva, Pedro de Santiago, Carla Brenlla, Carme Giráldez, Pepa Faraldo, Quico Lorenzo, Manuela, Xosé, Paco Rubinos, Trillo, Patricia, Cristina Fuentes.