Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Axuda

Para que serve rexistrarse?

Os contidos de Redenasa.tv son abertos e accesibles a todo o mundo. Porén, se queres participar dun xeito máis activo no web (deixar mensaxes nos perfís dos artistas, comentar nos posts, subscribirte á axenda dalgún creador, darte de alta como artista...) precisarás rexistrarte. Non che levará máis dun minuto, porque só che pedimos os datos básicos.

Tiña un camarote na antiga Rede Nasa, preciso rexistrarme de novo?

Non. Se es un antigo camarada podes seguir usando o teu usuario e contrasinal. Lembra que, se esqueciches a clave, podes solicitar unha nova de xeito automático a través da páxina web (esquina superior dereita, no menú entrar).

Que pode facer un usuario?

Un usuario pode deixar comentarios, vídeos e fotografías tanto nos distintos posts que vaiamos publicando como no perfil de todos os artistas. Pode seguir a todos os artistas que quera, para que lle cheguen ao seu perfil todas as novidades que publican. Tamén pode subscribirse á axenda dun ou varios artistas e recibir no seu correo todas as funcións das vindeiras semanas, para non volver perder un espectáculo por falla de información. Cada usuario conta cun muro onde se poden ver todos os comentarios que fixo ata o momento.

E que pode facer un artista?

Un artista que teña páxina propia debe estar asociado a un ou varios usuarios, que teñen permiso para modificar o seu perfil a través do propio web. Ter unha páxina de artista en Redenasa é unha ferramenta moi útil para comunicarte co teu público, porque che permite reunir nun só espazo todos os vídeos, fotos e textos que queras.

O teu perfil en Redenasa será tan atractivo e interesante como ti queras facelo (obviamente, diso dependerá que teñas máis ou menos visitas). Ademais, as últimas actualizacións da páxina pódense ver automaticamente na portada. Iso significa que canto máis actualices o teu sitio, máis te verán os demais.

Como artista tes tamén a posibilidade de subir os teus espectáculos á nosa axenda colaborativa. Nela, todos os usuarios poden ver dunha ollada o que se está a cocer nas vindeiras semanas en toda Galicia. Podes animar aos teus seguidores a que se subscriban á túa axenda, para que así reciban no seu correo un resumo de todos os teus bolos.

Quero ser artista. Que teño que facer para que me deades de alta?

O máis importante de todo é que o solicites! Escríbenos un correo a comunicacion@redenasa.tv contándonos a que te dedicas e que tes que aportarlle á comunidade como artista ou creador de contidos.

Ademais disto, teraste que facer tripulante de Redenasa. Isto implica que fagas unha contribución económica ao web polo importe que ti consideres oportuno. Este web está concibido como unha plataforma comunitaria que hai que manter entre todos aínda que, iso si, cada un aporta o que pode.

Como podo editar o meu perfil de artista?

Unha vez que relacionemos o teu usuario cun perfil de artista, comprobarás que podes acceder a unha chea de opcións para editalo.

Entre outras cousas, podes subir fotos, textos, vídeos, audios e todos os documentos que queras en formato PDF. Tamén podes subir novos espectáculos á axenda, buscar o lugar onde o representarás no mapa e engadir unha ligazón para que o teu público merque as entradas.

Que son as residencias?

As residencias son proxectos creativos unitarios e diferenciados, aloxados en Redenasa.tv, que contan cun lugar especial dentro desta rede. Os proxectos de residencia deben ser creados especificamente para ser postos en prática a través da(s) rede(s), e contan cun espazo destacado dentro desta plataforma.

Se pensas que tes unha boa idea para un proxecto creativo a través das redes sociais e estás interesado/a en polo en prática a través de Redenasa.tv, o primeiro que deberías facer é escribirnos a comunicacion@redenasa.tv e contarnos o que andas a cismar.