Rede Nasa

Combine your search criteria to find the material you are looking for


Goldi Libre

Goldi Libre

Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González.

Un proxecto creado e producido na Berberecheira do grupo Chévere, a partir dunha historia de vida de César Goldi.

Presentación

Goldi libre é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión dos anos 80-90 do século XX en España, sobre as persoas que formaron parte do mesmo e sobre a súa exitosa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co aparato do Estado. Un traballo feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria.

Goldi libre é, tamén, o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral promovido e custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.

O valor documental e o valor testemuñal son dous factores clave de diferenciación que fan desta unha obra única, porque expón a vida persoal dun actor, porque leva o real ao escenario, porque ofrece abertamente unha verdade e non só unha apariencia de realidade. Dende unha perspectiva autocrítica, distanciada e irreverente, a obra ofrecerá ademais unha panorámica desenfadada do activismo social e político da esquerda dos anos 80 e 90 do século XX, cuestionando algúns dos mitos da loita anti-militarista.

Trátase por tanto de conectar a memoria individual coa memoria colectiva dunha xeración e co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral. Documentar escénicamente un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España, que levou a centos de xoves ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia.