Sobre a mili e a obxección de conciencia
O servizo militar obrigatorio e o movemento de obxección de conciencia.
A obrigatoriedade do servizo militar para todos os varóns en
España foi instaurada polas Cortes de Cádiz de 1812, substituíndo o modelo francés imposto polos Borbóns do recrutamento de “quintas” (escollíase por sorteo a un de cada cinco mozos en idade militar). En Cataluña, Navarra e País Vasco non existiu o recrutamento forzoso ata que foi xeralizado pola Constitución de 1876. Ata 1912 o servizo militar podía evitarse através de pagamentos en metálico ao Estado ou ben presentando un substituto. Durante a ditadura de Franco o servizo militar activo tiña unha duración de 2 anos e o período de permanencia na reserva militar era de 24 anos, reducíndose a 18 anos a partir de 1968.
Fronte a esta situación, en 1977 créase o Movemento de Obxección de Conciencia (MOC), que propón a desobediencia civil como estratexia de resistencia ao recrutamento obrigatorio. Coa chegada do primeiro goberno socialista, en 1984 apróbase a Lei de Obxección de Conciencia, que regula o dereito á obxección de conciencia e a obrigatoriedade da prestación social substitutoria e que foi recibida con numerosos recursos de insconstitucionalidade. A oposición de milleiros de obxectores provoca que en 1988 o MOC anuncie a insubmisión masiva como estratexia de desobediencia civil. O movemento de insubmisión tivo un seguemento moi importante, levando ao procesamento xudicial de milleiros de xoves, o que xerou unha corrente de solidariedade e apoio social e político moi ampla, provocando ademais profundas discrepancias xudiciais e o colapso do propio sistema institucional. Os sucesivos gobernos socialistas foron reducindo a duración da mili e ampliando as marxes da obxección de conciencia para debilitar a capacidade de resposta do movemento de insubmisión, sen éxito. Finalmente foi un goberno conservador quen en 1996 suspendeu o servizo militar obrigatorio, suspensión que se fixo efectiva en 2002.
A insubmisión como movemento de desobediencia civil masivo non tivo parangón en ningún outro país europeo. En 1990, un ano despois de terse declarados os primeiros insubmisos, xa existían máis de dous milleiros e 135 estaban presos en cárceres de toda España. En 1994 hai máis de 9.393 insubmisos declarados e 138.878 obxectores, desbordando a capacidade do Estado para darlles saída. En 1996 os insubmisos presos en cárceres españolas son 348. No último sorteo da mili, no ano 2000, optaron por facer o servizo militar apenas 5.000 dos 91.000 mozos sorteados. En 2002, xa coa mili suspendida, o goberno vese obrigado a amnistiar a máis de 4.000 insubmisos declarados.