Rede Nasa

Combine your search criteria to find the material you are looking for


Eroski Paraíso

Eroski Paraíso

Eroski Paraíso é a nova produción de Chévere para 2016, a primeira logo de recibir o Premio Nacional de Teatro. Un traballo que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade dunha pequena vila galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, convertida agora nun supermercado Eroski.

Sinopsis

Como outras pezas de Chévere, Eroski Paraíso é o resultado dun proceso de procura de varios meses que logo se concreta no local de ensaio. Nesta ocasión fíxose un traballo de documentación previo sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Alí coñecéronse Eva Martínez e Antonio Formoso en 1989, como tantas outras parellas da zona. Ela tiña 19 anos, el 25.

Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Logo emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración.

Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.