Rede Nasa
Eroski Paraíso
Eroski Paraíso
Eroski Paraíso é a nova produción de Chévere para 2016, a primeira logo de recibir o Premio Nacional de Teatro. Un traballo que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade dunha pequena vila galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, convertida agora nun supermercado Eroski.
-
Eroski Paraíso despídese dos escenarios en Palma de Mallorca
Logo de tres anos, Eroski Paraíso díxolle adeus aos escenarios no Teatre del Mar de Palma de Mallorca o domingo 5 de maio. Foron un total de 132 funcións que nos levaron a 15 das 17 comunidades autónomas de España, ademais de Braga (Portugal) e París (Francia) a onde nos desprazamos para participar no festival Don Quijote. En total, máis de 32.000 persoas pasaron polo teatro para ver o espectáculo. Agora toca dicirlle adeus a este proxecto tan querido para darlle a benvida a unha nova obra. Para o recordo queda este derradeiro aplauso.
-
Eroski Paraíso, gañadora do premio Gala do Libro Galego na categoría de teatro
O texto de Eroski Paraíso, publicado pola editorial Kalandraka Galicia, foi galardoado o pasado sábado pola Asociación Escritoras-es Lingua Galega - AELG na categoría de teatro. Trátase do segundo ano consecutivo no que unha obra teatral de Chévere recibe este premio, xa que no 2018 resultou gañadora a obra Río Bravo. Ambos os dous textos forman parte da colección Biblioteca de Teatro da editorial Kalandraka e poden mercarse en liña aquí
-
Eroski Paraíso, finalista dos premios Gala do Libro Galego
No 2017, a Editorial Kalandraka inaugurou a súa colección Biblioteca de Teatro co anuncio da publicación das obras completas de Chévere, coincidindo co 30 aniversario da compañía. Dous anos despois, o texto do espectáculo Eroski Paraíso, publicado dentro desta colección, vén de quedar finalista na categoría de Teatro nos Premios Gala do Libro Galego, organizados pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galiza.
O ano pasado resultou gañador deste premio Río Bravo, o libro que recolle o texto da obra homónima de Chévere e que foi tamén publicado nesta mesma colección.
A entrega destes premios será o vindeiro 11 de maio en Compostela.Podes atopar na túa librería habitual todos os libros da colección, á que pronto se incorporará tamén o texto do espectáculo Citizen. Se o prefires, tamén podes conseguir os libros aquí.
-
Eroski Paraíso despídese logo de tres anos de xira
Nestes primeiros meses de 2019 tócanos dicirlle adeus a Eroski Paraíso, co que levamos xirando dende 2016 e que se converteu nunha das pezas máis queridas polo público de Chévere.
-
Eroski Paraíso, o filme
A principios de setembro, o auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo) acolleu a gravación de Eroski Paraíso: o filme, un proxecto audiovisual dirixido por Jorge Coira que se realizará grazas á colaboración entre dúas produtoras culturais independentes: Chévere, dedicada ao mundo escénico e OlloVivo. orientada aos proxectos audiovisuais.
-
Eroski Paraíso despide a tempada esta fin de semana cunha función en Ponteareas
O teatro Reveriano Soutullo de Ponteareas acolle este domingo día 18 a que será a derradeira función de Eroski Paraíso por unha longa tempada, xa que a compañía está actualmente traballando nos ensaios dun novo espectáculo, Divinas Palabras Revolution, que se estreará no Salón Teatro de Santiago o día 12 de abril.
-
Chévere remata en Sevilla a xira de Eroski Paraíso coas entradas esgotadas
O Teatro Central de Sevilla acolle esta fin de semana as dúas funcións que pecharán a xira de Eroski Paraíso, o primeiro espectáculo de Chévere logo de que a compañía gañase o Premio Nacional de Teatro no ano 2014. As entradas están xa esgotadas tanto para a función do venres 23 como para a do sábado 24.
-
A editorial Kalandraka vén de publicar o texto de Eroski Paraíso como parte da súa colección Biblioteca de Teatro
Coincidindo co 30 aniversario de Chévere, que celebramos en 2017, a editorial Kalandraka decidiu publicar as obras completas de Chévere, que serven para inaugurar a súa nova colección dedicada ás artes escénicas, chamada Biblioteca de Teatro. Como parte desta colección, vén de publicarse recentemente o texto íntegro de Eroski Paraíso.
-
Eroski Paraíso faise con catro premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo
Eroski Paraíso fíxose con catro premios na XXI edición dos premios María Casares, que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A gala de entrega de premios celebrouse o 29 de marzo no teatro Rosalía Castro de Coruña, e contou con aproximadamente 500 convidados entre autoridades, actores, actrices e xornalistas.
Concretamente, o espectáculo foi galardoado nas categorías de mellor espectáculo, mellor dirección para Xesús Ron, mellor actriz protagonista para Patricia de Lorenzo e mellor música para o grupo muradán Terbutalina.
Eroski Paraíso partía como un dos espectáculos favoritos, logo de recibir nomeamentos nas categorías de mellor espectáculo, mellor dirección, mellor música, mellor texto orixinal, mellor actor protagonista, mellor actriz protagonista e mellor actriz secundaria e mellor iluminación.
-
Eroski Paraíso, espectáculo recomendado por Redescena
Eroski Paraíso vén de ser seleccionado por Redescena para o seu caderno de espectáculos recomendados, unha publicación cuadrimestral na que a comisión de Teatro e Circo da Rede Española de Teatros e Auditorios recolle as mellores obras en xira actualmente por España.
A comisión comisión de Teatro e Circo da rede é un grupo de traballo formado por 12 programadores de distintos espacios escénicos asociados de todo el territorio español, que ten como obxectivo achegarlle aos seus asociados información actualizada e de interese sobre os espectáculos do momento, para axudarlles aos espazos a confeccionar unha programación de calidade.
A Rede Española de Teatros conta actualmente con 152 asociados que xestionan espazos de exhibición de artes escénicas de titularidade pública. Forman parte dela os principais teatros e auditorios do estado, que hoxe teñen un motivo máis para contratar Eroski Paraíso.