Rede Nasa
Curva España
Curva España
Abrimos este espazo para documentar o proceso de creación de Curva España, o novo proxecto de Chévere que se estreará en xullo de 2019. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local: a da Curva España, situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.
-
Curva España, moito traballo gráfico por dentro
Unha das incorporacións máis novidosas ao equipo de Curva España é a do ilustrador Óscar Villán, con que compartimos territorio vital e laboral en Teo. Había tempo que queríamos traballar con el e agora presentouse a ocasión propicia. Ademais do traballo gráfico habitual (deseño de cartelería) en Curva España propuxémonos facer unha escena que require un importante traballo gráfico visual. Queremos recrear un popular formato audiovisual de Youtube, eses titoriais didácticos sobre algún tema histórico (tipo "A historia de Galicia en dez minutos"). Para iso, debemos combinar un guión ben elaborado cun repertorio de imaxes gráficas e unha manipulación en directo que permite achegarse con rigor e humor á historia da construción do ferrocarril en España. É unha escena que cumpre unha función didáctica (achegar información histórica sobre a construción do ferrocarril en relación coa historia de España), ademais de crear un contexto histórico necesario para o resto da obra. Ademais, servirá para expoñer un relato que relaciona a construción do ferrocarril coa construción do estado-nación, explicando as distintas velocidades territoriais, as intervencións dos poderes económicos e políticos na toma de decisións e o carácter subalterno de determinados territorios e sectores sociais.
O traballo de Óscar Villán e Iván Suárez foi moi elaborado e minucioso. Nós pasámoslle un guión inicial cos temas que se tocarían e un desglose de personaxes e feitos históricos, para comezar a extraer ou penar un repertorio de imaxes. Despois o guión foise matizando e concretando, adquirindo o ton definitivo. Polo camiño apareceu a idea base: que toda a escena fose unha especie de xogo de cartas nun casino. Iso deunos a referencia fundamental da baralla para ligar toda a escena, xunto co uso dos mapas coma se fosen o tapete sobre o que se fai o xogo. Primeiro fixeron uns prototipos de cartas que se foron poñendo a proba e mellorando. E ao final decidiuse o acabado de cada carta, para que fixeran a baralla completa, todas as cartas feitas a man, de unha en unha. Un gran traballo.
Log in or register above to comment