Rede Nasa
Curva España
Curva España
Abrimos este espazo para documentar o proceso de creación de Curva España, o novo proxecto de Chévere que se estreará en xullo de 2019. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local: a da Curva España, situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.
-
A historia do ferrocarril
Seguindo co traballo de investigación arredor da Curva España, nestas semanas estamos entrando no mundo da historia do ferrocarril en Galicia e España, unha historia non demasiado coñecida e moi interesante porque ofrece novas luces sobre a escura historia de España no século XIX e, sobre todo, ilustra o proceso de conformación do estado nación español moderno. Ademais das numerosas procuras en internet, onde se atopan algunhas páxinas interesantes sobre a construción da liña Zamora-Ourense, o noso principal apoio está sendo o estudo feito por Alberte Blanco sobre "O Conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense", onde analiza e achega importante documentación sobre a accidentada construción desta liña e as alternativas plantexadas. Outros autores que tratan o tema son Xosé Carlos Fernández (El Ferrocarril en Galicia), e os que nos ofreron pistas sobre o caso da morte do enxeñeiro foron Rafa Cid (Carrilanos) e Xerardo Dasairas.
Log in or register above to comment