Rede Nasa
As Fillas Bravas
As Fillas Bravas
As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
-
Bravas contra o cambio climático
As Fillas Bravas estiveron o día 10 de abril no Teatro Principal de Santiago para conducir e dinamizar a gala Bravas contra o cambio climático, no que tamén estiveron presentes o contador Celso Sanmartín, un grupo de rapaces e rapazas do Centro Cívico de Conxo e Miguel Pardellas, do grupo de investigación en pedagoxía social e educación ambiental (SEPA) da USC, que organizou o acto.
O obxectivo da gala era darlle a coñecer ao público o programa Descarboniza, que non é pouco, que nos últimos dous anos vén artellando e acompañando a grupos de persoas da cidade que estean dispostas a descarbonizar os seus estilos de vida e reducir así as emisións de gases de efecto invernadoiro.
As Fillas Bravas falaron da súa experiencia no Centro Rural para a Recuperación dos Negacionistas do Cambio Climático de Momán, da pegada de carbono e da gandeiría industrial. Tamén presentaron ao contacontos Celso Sanmartín, que falou da súa aldea natal, Zobra, e fixéronlle a Pardellas un extenso interrogatorio sobre o seu estilo de vida, do que saiu ben librado.
E, como non podía ser doutro xeito, despedíronse cantando:
Imos da-la despedida
mais non é para acabar-e,
é pra lle dar o planeta
a quen o saiba coidare.
Log in or register above to comment