En febreiro de 2017, como parte da celebración do seu 30 aniversario, Chévere creou a Chevereografía 8717, unha peza para andar que se estreou no festival Escenas do Cambio, e que supuña reconstruír a xeografía teatral da compañía ligada á historia recente de Santiago, a cidade que a viu nacer e medrar. Un ano despois, celebramos o aniversario do aniversario deixándovos este vídeo de Damián Varela, que recolle a experiencia das persoas que participaron neste roteiro guiado a través da memoria urbana de Compostela.
O grupo Chévere inventouse entre bares, rúas, escolas, artes e oficios de Compostela en 1987, xusto antes de iniciarse a transformación da cidade cara ao século XXI. Chévere aprendeu o seu oficio teatral explorando a cidade, paseándoa, perdéndose nela. Meteuse dentro e sentiuna latexar. Acabou por ocupar o lugar que lle correspondía nun barrio marxinal que estaba xa camiño de Fisterra, provocando que os traxectos de moitos veciños e veciñas tomasen un rumbo non previsto por urbanistas nin políticos. E a súa práctica teatral converteuse nunha ferramenta para documentar o proceso de transformación vivido.
Trinta anos despois Chévere e Compostela seguen aí, pero ningunha das dúas é a mesma. Perdéronse de vista cando Chévere tivo que exiliarse en 2011 e xa lles custa recoñecerse. Pero Chévere é un grupo de teatro con memoria urbana. Por iso se propón cartografar escenicamente trinta anos de andar de vagar pola sombra da cidade, para compartir un mapa emocional que nos permita recoñecer a xeografía teatral de Chévere en Compostela, tratando de traducir a cidade de 1987 con palabras de 2017. Chévere propón unha intervención teatral que é un xeito de reencontrarse coa cidade para volver habitala. Unha experiencia teatral superposta sobre o espazo urbano. Apropiarse do paseo como táctica de relación coa contorna para provocar un feito escénico a pé de rúa. É apenas andar, mirar, escoitar, sentir. Activar o encontro entre o teatro e o público. Desenvolver unha ficción que fará aínda máis real a cidade na que seguimos vivindo. O público seguirá a peza a través de reprodutores mp3 e auriculares que se entregarán no punto de inicio da ruta.