Enrique Lozano "El Pescao" é un cantaor nacido en Palencia que chegou á Nasa en 1998, acompañado, como tantos outros, por Cuchús Pimentel á guitarra, cando os nosos caladoiros se abrían decote ao goce do flamenco, porque a Nasa sempre estivo aberta ás músicas populares, profundas, aos sons máis auténticos. El Pescao é un cantaor atípico pola súa procedencia, de terra adentro, pero que practica un cante xenuíno e como di él mesmo, que canta por dereito, como cantan os xitanos, por seguiriyas, por soleás, malagueñas, martinetes, cantes de ida e volta... E con letras tirando a dar.