Rede Nasa

Combine your search criteria to find the material you are looking for


2ª Festa Revolta no Courel

Aquí atoparás todo xunto o material que temos disponible da 2ª Festa Revolta que se levou a cabo na aldea de Froxán, no Courel, os días 10 e 11 de agosto de 2012. Fotografías, vídeos, textos..., que documentan o que aconteceu.

"Discurso sobre isto" por Carlos Santiago

(Texto leído polo autor durante o roteiro da 2ª Festa Revolta no Courel)

Caros irmáns e irmás.
Diríxome a vos en ocasión tan solemne para falarvos sobre isto.
Isto é o grande enigma, aquilo do que resulta complexo falar,
porque isto non é só isto que nos pasa,
isto é tamén o que hai e isto é tamén o que temos.
A que me refiro cando falo sobre isto?
Pois a isto mesmo, a isto que está diante dos nosos ollos e que nos rodea.
Isto, calquera o pode ver, está por todas partes.
Moitas veces téñome preguntado se seríamos capaces de vivir sen isto,
mais como sempre vivimos con isto
é difícil imaxinar un mundo onde isto non existise,
porque caros irmáns e irmás, isto non é de agora.
Se por exemplo nos preguntásemos, a que cheira isto?
descubriríamos que isto cheira a aquilo que había antes disto,
que por outra parte era isto mesmo,
porque isto vén daquilo da mesma maneira en que aquilo era xa isto.
Isto sempre foi así e non ten remedio.
Tal vez alguén, aflixido por isto, dirá, pero entón non é posíbel mudar isto?
Eu non digo nin que si nin que non
porque nunca ninguén viu que isto mudase
así que non podemos saber con certeza se isto poderá mudar algún día.
En principio parece difícil que isto mude
porque para ben ou para mal hai moita xente que vive disto
e se isto mudase moita desa xente non sabería vivir sen isto.
Na realidade isto é o que lles dá medo
e é por ISO que ISTO pode existir tranquilamente.
Hai moitos que parecen estar conformes con isto.
Diría máis, o que están conformes con isto son maioría absoluta
e isto para min é o grande enigma.
Por iso isto en si mesmo é un misterio do que non se pode falar,
porque se puidésemos falar disto,
daquela, isto xa non sería isto e isto si que sería imposíbel.
Dito isto, caros irmáns e irmás,
remato con isto agradecéndovos moito todo isto e listo.
Moitas gracias, grazas e obrigado por isto mesmo.