Flexo é o nome dun colectivo dedicado á práctica da performance, integrado por estudiantes da facultade de Belas Artes de Pontevedra e que estivo en activo entre 1999 e 2004. O colectivo presentouse en público por primeira vez na Sala Nasa, dentro dun festival de performance que se celebrou no mes de xullo de 1999 xunto a outras propostas. Ao ano seguinte, Flexo presentaría diversas pezas na Nasa dentro dunha noite de accións titulada "Remexendo" e participaría na obra "Casa Tomada" que Chévere creou para o Millenium Festival de Compostela.
Neste vídeo vemos fragmentos dun par de pezas desa noite de accións "Remexendo", que tivo lugar o 22 de abril de 2000 na Nasa, na que tamén colaborou o músico Prozack. A segunda delas titúlase Yeni. Así presentaba Flexo esta peza:
Unha masa corpórea, informa, corpo de látex feito de moitos corpos. Sobre este proxéctase unha imaxe de partes do corpo, cara, ollos, membros, en estraña convulsión sobre a masa latente.
Materiais:
Iluminación: par de focos
8 performers
Látex revulcanizado
Proxector de vídeo
Cámara de vídeo
Algunhas das persoas que formaron Flexo son: Fran Herbello, Ana Neira, Lorena Gandoy, Xeila Pazos, María Viñas, Silvia Sánchez, Pablo Sánchez, Rubén Ramos, Rubén López, Jorge González (Coque), María Sánchez, Lisi González e Berio Molina.
Para achegarse ao colectivo Flexo deixámosvos un dos seus manifestos do ano 2000:
"FLEXO é un colectivo de artistas que propoñen, en contra da autoría persoal e da individualidade, o traballo en grupo en beneficio da obra en si coma único transmisor e xerador de ideas e formulacións.
FLEXO PROPUGNA unha arte total que abarque tódalas manifestacións da vida. Unha arte que interactúe con campos e materias de todo tipo.
A arte é a vida e a vida é a arte, simplemente hai que sacala a flote.
A arte coma un medio (non unha fin) para liberar a vida do seu enquistamento e unidireccionalidade crónicas. Non só coma un medio de embelecela.
Flexo practica e propugna a mestizaxe e a reciclaxe coma forma de entender a vida.
A PERFORMANCE e a INSTALACIÓN son os seus medios naturais de expresión polo seu carácter multidisciplinar e interactivo, COMA PUNTOS DE PARTIDA E DE CHEGADA CREATIVOS. Aínda así pode crear pezas obxectuais, vídeos, traballos na rede ou todo aquel medio que atope necesario para os seus fins creativos.
O SON coma espazo, a luz coma materia, a materia coma tempo e o espazo coma algo flexible, que xunto coa mirada do espectador son os plantexamentos que se empregan coma punto de partida e de chegada na creacción das obras.
FLEXO CREA obras á vez visualmente atractivas e cuestionadoras desa mirada. ESA MIRADA que queda comprometida no seu que, para preguntarse a si mesma o como (estou mirando), e a partir de aí estrapolalo e chegar a preguntarse.
¿ONDE ESTOU? Ou que mundo é este no que me movo, QUE É O QUE ESTOU FACENDO. Por que teño que facer o que fago.
CUESTIONAR o modelo actual de cultura do entretemento.
Os modelos estéticos e por extensión culturais que se nos impoñen a diario e de continuo na nosa sociedade.
O colectivo pretende ser coma un VIRUS creativo e des estabilizador que se instala nas canles de circulación da cultura e no mesmo cerebro do espectador.
Calquera indiferenza é perxudicial, e o aburrimento é contrarrevolucionario.
FLEXO non desdeña traballar en calquera SITE público ou privado que se lle ocorra ou se lle propoña.
Dende lugares de cultura de masas ata as rúas (sobre todo nestas por ser onde mais difícil lle resulta a arte manifestarse) coma lugares de "cultura máis elevada".
FLEXO CONSIDERA a libre colaboración a tódolos artistas, creativos, traballadores, mulleres, homes, funcionarios, humanistas, animais e demáis seres da galaxia que compartan estes ideais.
+ Para que se poida crear un feito FLEXO máis alá de calquera fronteira, credo ou nacionalidade, e entrar a formar parte da familia FLEXO.
+ Polo principio de que a unión fai a forza e que calquera se pode adscribir a colaborar co grupo tendo en conta a afinidade pola ideoloxia artística e non por outros factores.
+ Creando así quen queira e dende onde queira o feito creativo, para o engrandecemento da causa revolucionaria-artística, que non quere deixar descansar a aqueles que pretendan crear limites á creatividade, e polos que por falta de medios non poden distribuír a súa propia."
Máis info: http://berio.alg-a.org/Flexo-187