Rede Nasa
Ultranoite no País dos Ananos
Este ano cúmprense dúas décadas dende a celebración da primeira ultranoite; vinte anos ininterrompidos durante os que Chévere subiu aos escenarios para escribir a crónica de Galicia a través deste cabaré irreverente e perralleiro. Hoxe, en abril de 2014, Chévere quérelle render homenaxe a este xénero que xa asume como propio e ao que tanto lle debe a través da Ultranoite no País dos Ananos, un cabaré nihilista que bebe da obra de Celso Emilio e da de Jonathan Swift para facer un percorrido satírico por este paseo marítimo que chamamos Galicia. Para saber máis, entra...
-
Que len os ananos?
Xron:Hoxe 23 de abril é o Día do Libro e algunha xente anda a preguntar se os ananos len. Ben, pois polo que fumos descubrindo os ananos non che son moito de ler, son máis de falar e se é en voz alta moito mellor. Son bestas sociais, que pacen en grupo e fuxen da soedade que implica a lectura. Para un anano pasar moito tempo consigo mesmo é un perigo. Moitas veces un convite ao suicidio. Este medo ancestral explica por que o anano non para moito tempo no mesmo sitio. Tampouco é de levar cousas nas mans, a non ser que teñan unha utilidade inmediata: un paraugas para non mollar a cabeza, unha navalliña para calquera imprevisto, unha escopeta para soltar uns tiros no monte, un palillo para escarvar os dentes, un volante para gastar pista... Os ananos tampouco son de mercar calquera cousa, fóra daquilo que se poida comer, beber, matar ou pisar cos dous pés. E os libros non entran en ningunha destas categorías. Os libros e demais obxectos de lectura se cadra son para botarlles un ollo, como quen non quere a cousa. Porque os ananos desconfian da palabra escrita, para eles é cousa de estranxeiros, de cobardes que non dan a cara e se agochan entre liñas.
Log in or register above to comment