Sobre A Berberecheira
A Berberecheira é un banco marisqueiro enriquecido polas mareas que entran por unha Boca do Río aberta na praia de Carnota (A Coruña). Un criadeiro natural custodiado por xentes da zona para uso propio e goce do resto do mundo.
De aí nace a idea desta outra Berberecheira teatral promovida e custodiada por Chévere:
• un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva que desbordan o núcleo estable da compañía,
• un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación,
• un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e axentes culturais.
Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección de Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.
Un proxecto que forma parte do plan de residencia que Chévere desenvolve co apoio do Concello de Teo.
Goldi libre é o primeiro proxecto sementado e criado integramente na Berberecheira ao longo dos anos 2015 e 2016.