Rede Nasa

Combine your search criteria to find the material you are looking for


Sobre Curva España

Coma outras veces, partimos dunha historia moi local, un relato que se transmitiu de xeración en xeración durante case cen anos e ao que nos achegamos con todo o coidado do mundo. Para iso nos documentamos en arquivos ou bibliotecas, apalpando papeis ou tirando de fíos dixitais. Entrevistamos a persoas que investigaron eses feitos antes que nós. Recollemos in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizamos o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material metémonos no local de ensaios para darlle forma teatral. Poñer a historia a proba, reconstruír as voces dos seus protagonistas cos nosos actores e actrices, crear situaciónes ao seu arredor, escribir sobre a marcha e a pé de escenario o que teñen que dicir. Gústanos poñer a idea en movimento sabendo de onde partimos, pero sen saber exactamente a onde chegaremos.

Aínda que o título por si mesmo ten a forza dunha metáfora para suxerir o que cada quen queira imaxinar, a Curva España existe. Está na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur (tamén chamada Variante André) da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense. Despois da súa morte, a opción sur por Verín, Xinzo e Allariz desaparece e as obras se desenvolverán durante os seguintes trinta anos polo Macizo Central ourensán, cun enorme custe tanto económico como de vidas humanas, prolongando o atraso e illamento de amplas zonas de Galicia.


Por que se optou polo trazado máis caro e difícil de todas as liñas españolas? Por que se volve facer o mesmo cen anos despois co AVE? Por que se deixou para sempre sen conectar a parte habitada, produtiva e fronteiriza deste territorio? Nesta zona a resposta do pobo foi construír unha lenda arredor da morte do enxeñeiro España. Esta lenda podería actuar coma un contra-feitizo xerado para cambiar o punto de atención, ao dar resposta a unha pregunta que nunca foi formulada: Por que non chegou o tren?

O que fixemos foi ir ata alí para preguntarlles que é a Curva españa, que lles contaron sobre a morte do enxeñeiro, que saben sobre a construción dun tren que nunca chegou a pasar por alí, como afectou isto ás súas vidas, que significa quedar esquencidos nunha curva da Historia. Os seus testemuños serán o punto de partida desta obra, a historia da curva na que se matou España.