Volve Río Bravo
Logo da celebración do 30 aniversario de Chévere o ano pasado, moita xente achegouse a nós reclamando máis Río Bravo. Como resposta, xuntámonos e falamos entre nós, e decidimos ofrecer unha función de Río Bravo ao ano. E, para comezar esta tradición, non se nos ocorreu un lugar mellor que a Mostra de Teatro Galego de Cariño, o festival máis veterano de Galicia, que este ano celebra a súa 40 edición e que foi un dos primeiros escenarios onde se representou Río Bravo nos 90. Aí vos agardamos a todas as persoas entusiastas de Río Bravo. E as que non poidades, estade atentas no 2019.
Rio Bravo estreouse en 1990 no Teatro Principal. Foi o cuarto espectáculo de Chévere. Unha condensación magnífica dese espírito rebelde e desa actitude gamberra e irreverente coas que a compañía se presentara en sociedade con pezas como Servizo Discrecional (1987), O Mal Non Acouga (1988) e Salomé (1989). Río Bravo superou todas as expectativas, chegou a públicos de todas as idades, de aldeas, vilas e cidades, de Galicia, do resto da Península e mesmo Brasil. En tres anos acadou as 180 funcións e os 25.000 espectadores. Un fenómeno teatral que se repetiu en 2002, cando se fixo un remake para celebrar o 15 aniversario de Chévere, que foi estreado na Sala Nasa cun equipo renovado.
Río Bravo, un lugar do (nor)Oeste, á saída dalgunha revolta, onde os homes son homes e as mulleres tamén. Un musical trepidante que esgota por fin os estereotipos do western ríndose de todos eles. O lugar onde Chévere se atopou consigo mesmo e iniciou a marcha lenta e implacable cara á busca da súa identidade. Esta é unha revisitación do mito. Río Bravo está no mesmo sitio. Non mudou de ubicación nin de apariencia. Os personaxes, os ambientes, a aventura, en definitiva, segue sendo a mesma. E algúns dos que a fan posible tamén. Un musical en directo. Unha comedia disparatada. Unha festa teatral para goce de todos os públicos. Vintesete anos despois coma se fose hoxe.
En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Manuel Cortés, Marcos Ptt Carballido, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián. Autor: Chévere. Dirección colectiva. Música: Fran Pérez. Vestiario e escenografía: Carlos Alonso. Confección: Maribel Gómez. Iluminación: Fidel Vázquez. Son: Xurxo Pinheiro. Comunicación: Xana García. Unha produción Chévere co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Chévere é compañía residente no concello de Teo.
-
(22:00h.)
Auditorio Municipal de CariñoPaseo Marítimo, s/n 15360 Cariño - A Coruña(22:00h.)
Auditorio Municipal de CariñoPaseo Marítimo, s/n 15360 Cariño - A Coruña