Chebrévere, o bo se breve, dúas veces chévere
CHEBRÉVERE. O bo se breve dúas veces chévere
En escena: Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Xron. Músicos ao vivo: Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián
No 2012 o grupo de teatro Chévere cumpre 25 anos de actividade escénica. En tal data a compañía non podía deixar de visitar Burela, pois esta vila foi unha das primeiras en confiar no seu talante teatral e aquí atoparon un dos seus primeiros públicos cómplices. Foi no desaparecido Cine Mon, alá polo final dos anos oitenta, convidados polo C.C. Buril, cando Chévere presentou a súa versión escénica dos míticos superheroes, "O mal non acouga". Un título premonitorio do que sería a historia de Galiza e, por extensión, do resto do mundo nestas últimas dúas décadas. Tempo no que os Chévere tiveron que aprender a facer teatro de verdade para subsistir. Mellor ou peor, o feito é que chegaron ata aquí mantendo a súa independencia, deixando no camiño decenas de espectáculos, centos de actuacións e nada menos que 20 anos de actividade na Sala Nasa. Como nunha pequena festa de cumpreanos e como agasallo da compañía a todo o público de Burela e da Mariña, Chévere ofrecerá unha escolma de pezas breves extraíadas do seu repertorio clásico e recente. Sketches, cancións, personaxes e historias feitas a pé de escenario que retratan o xeito de entender o humor, o amor e os odios destes cómicos incansables que son os Chévere.
-
(21:30h.)
Auditorio Municipal de BurelaRúa Pardo Bazán 6, 27880, Burela.(21:30h.)
Auditorio Municipal de BurelaRúa Pardo Bazán 6, 27880, Burela.