Escaparates contra a violencia machista
Coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, os escaparates dos comercios de Fene convértense en soportes dunha campaña de sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres e en escenarios insólitos para o teatro.
Durante a tarde do mércores 23 de novembro, o grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro) desenvolverá en distintos escaparates unha serie de intervencións teatrais que tratan específicamente o tema da violencia de xénero, co fin de concienciar a un público amplo desde a proximidade, o humor e a empatía.
Relacionar e vencellar a prevención da violencia de xénero, o pequeno comercio e a creación artística pode abrir un fértil campo de cultivo para sementar usos comerciais, culturais e sociais cheos de novas sensibilidades. É un xeito orixinal de trasladar á rúa un debate que moitas veces non sae da casa, recoñecendo o valor do comercio retallista como ámbito preferente de comunicación entre a veciñanza.
PROGRAMA
17,00h. Kata Moda, rúa Eduardo Neira 9 (Praza do Perla)
RETRATOS DE MULLERES: MIRIAM
Miriam é unha muller nova, ten un bó traballo, unha filla pequena e leva casada varios anos. O seu home ten un traballo ben pagado, pero moi estresante. Ten problemas de agresividade e ciumes por todo. Hoxe están de aniversario e ela trata de ocultar calquera problema porque son unha parella ideal.
17,30h. Mobles Mayvi, Avda. Marqués de Figueroa 56
RETRATOS DE MULLERES: YENY
Yeny canta nunha orquestra de pachanga. Esta noite o seu mozo mallou nela por vez primeira e isto faina reflexionar sobre os contidos que transmiten os temas que canta: non estará contribuindo tamén a reproducir esa lóxica social que impón a dominación dos homes sobre as mulleres?
18,00h. Calzados Locay, Avda. Marqués de Figueroa 13
RETRATOS DE MULLERES: LOLA
Lola é unha muller traballadora de mediana idade. Sen estudios. Casada desde hai máis de vinte anos e con dous fillos. Seu home está no paro. Na súa relación de parella son habituais os malos tratos desde hai xa ben tempo. Amagou un par de veces coa separación, pero nunca chegou ata o final.
18,30h. Cervexería Tarabela, Avda. Marqués de Figueroa 51 (Praza Verde)
LUGARES COMÚNS
Un home e unha muller manteñen un diálogo que acaba en discusión violenta. Que é o que está pasando entre eles? De que falan? Por que discuten? Que lle bota él en cara? Que responde ela? Por que se enfada?
19,00h. Lectura manifesto (Praza Verde), a cargo de Mª Carmen Martínez Rodríguez, concelleira de Benestar Social e Igualdade de Fene.
Idea e creación: Chévere. Intérpretes: Patricia de Lorenzo, Arantza Villar, Mónica García, Serxio Zearreta. Dirección e dramaturxia: Xron. Loxística: Fidel Vázquez. Produción: Patricia de Lorenzo. Comunicación: Xana García. Asesoramento: Promove (proxectos e persoas). Chévere é compañía residente no concello de Teo. O noso agradecemento a todos os comercios participantes pola súa colaboración.
-
(17:00h.)
Avda. Marqués de Figueroa, FeneAvda. Marqués de Figueroa, 15500 Fene(17:00h.)
Avda. Marqués de Figueroa, FeneAvda. Marqués de Figueroa, 15500 Fene