A Berberecheira: Goldi Libre+Anatomía dunha serea+Salvador
Decembro 2018, Teatro Principal Santiago de Compostela
Luns 17 ás 20,00. Goldi Libre
Martes 18 ás 20,00h. Anatomía dunha serea
Mércores 19 ás 20,00h. Salvador
Febreiro 2019, Auditorio Constante Liste Ramallosa (Teo)
Venres 15 ás 21,00h. Anatomía dunh serea
Sábado 16 ás 21,00h. Salvador
Domingo 17 ás 18,00h. Goldi Libre
Despois de tres anos de colleita, presentamos por primeira vez xuntos os tres proxectos sementados na Berberecheira: Goldi Libre, Anatomía dunha serea e Salvador.
A Berberecheira é un laboratorio de creación escénica promovido e xestionado polo grupo Chévere, que forma parte do plan de residencia desenvolvido no concello de Teo. Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección dunha compañía veterana como Chévere, para apoiar proxectos de creación innovadores que desbordan o núcleo estable do grupo e ampliar así as voces e as poéticas vencelladas ao percurso artístico de Chévere. Nestes primeiros anos, a Berberecheira centrou o seu interese en proxectos escénicos que documentan experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos.
Os espectáculos producidos na Berberecheira caracterízanse por:
- o rigor no tratamento das fontes documentais,
- a exposición de experiencias persoais que conectan con problemas e feitos colectivos,
- a narración en primeira persoa,
- a investigación sobre o teatro autobiográfico,
- a xestión colectiva do proceso de creación,
- a apertura do proceso de investigación á participación doutros axentes creativos, técnicos e sociais,
- a veracidade dos feitos narrados,
- o establecemento dun pacto claro co espectador en relación á verdade e á ficción,
- a exploración de rexistros, soportes, narrativas e formas escénicas innovadoras.
Goldi Libre: autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión dos anos 80-90 do século XX en España, sobre as persoas que formaron parte do mesmo e sobre a súa exitosa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co aparato do Estado. Goldi Libre fíxose a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria. Cumpriu a condena no cárcere da Coruña.
Salvador é unha obra de Borja Fernández para un actor/músico e unha video jockey/manipuladora de obxectos, a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, na que se combinan texto, movemento, música en directo e proxeccións de vídeo. Salvador trata sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os reencontros, centrando o seu interese nos casos de homes casados que emigraron sós a mediados do século pasado a Suramérica e no impacto da súa ausencia na configuración das comunidades locais, das familias e dos seus descendentes. Salvador investiga especificamente a misteriosa figura de Benito Fernandes Meirinho, avó paterno de Borja Fernández, que emigrou a Brasil en 1959 e nunca máis volveu.
Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental e autobiográfico, construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Unha muller que leva no seu corpo a pegada da violencia obstétrica sufrida durante o parto, narra a súa historia dun xeito directo, aberto e autocrítico. Un relato construído mentres a ferida segue aberta, porque as secuelas aínda non foron reparadas e o seu testemuño terá toda a visceralidade propia dun caso aberto. Anatomía dunha serea fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí.
-
(20:00h.)
Goldi Libre no Teatro Principal de SantiagoRúa Nova, 21, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña -
(20:00h.)
Anatomía dunha serea no Teatro Principal de SantiagoRúa Nova, 21, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña -
(20:00h.)
Salvador no Teatro Principal de SantiagoRúa Nova, 21, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña -
(21:00h.)
Anatomía dunha serea no Auditorio Constante Liste (A Ramallosa - Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo. -
(21:00h.)
Salvador no Auditorio Constante Liste (A Ramallosa - Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo. -
(18:00h.)
Goldi Libre no Auditorio Constante Liste (A Ramallosa - Teo)A Ramallosa s/n. 15883 Concello de Teo.