De que fala Eroski Paraíso?
A promesa do paraíso social
Eroski Paraíso é un proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influir nas decisións de compra.
O desarraigo
Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, como se tivese estado parada exactamente no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu arredor. Unha maneira coma calquera outra de retratar o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria.
Colectivizar a memoria
O teatro é un rexistro cultural de primeira magnitude para documentar a realidade máis próxima e ubicarnos como pobo nun mundo globalizado. O proceso de traballo de Eroski Paraíso comezou explorando a memoria colectiva e a afectividade dunha pequena comunidade a partir das historias reais recollidas sobre unha sala de festas que se transformou nun supermercado.
A sala de festas chamábase Paraíso e no seu lugar agora hai un supermercado Eroski.
Cinema documental
Eroski Paraíso é tamén unha reflexión sobre a posibilidade de documentar a realidade, sobre a distancia entre a ficción e a realidade, entre o que significa ser un mesmo e actuar como un mesmo. Por iso planeamos a obra como se fose unha película documental, superpoñendo no escenario a mirada cinematográfica e a teatral, reutilizando a linguaxe do cinema e os recursos do documental creativo para facer unha obra especificamente teatral.