Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Eroski Paraíso

Eroski Paraíso

Eroski Paraíso é a nova produción de Chévere para 2016-17, a primeira logo de recibir o Premio Nacional de Teatro. Un traballo que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade dunha pequena vila galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, convertida agora nun supermercado Eroski.

Sobre Chévere

Chévere é unha compañía galega de axitación teatral con 30 anos de traballo ás costas, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. Chévere ten actuado en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais (na rúa, en barcos, aeroportos, carpas de circo, escaparates...). Usando o humor como filosofía e a risa como expresión, as súas obras levan ao escenario os debates do presente, documentándoos escenicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron recentemente obras como Testosterona (2009), a triloxía Citizen (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) ou As Fillas Bravas (2015).

Chévere creou a Nave de Servicios Artísticos-Sala Nasa en 1992, un espazo cultural independente situado na cidade de Santiago de Compostela, ocupándose da dirección artística ata o seu peche a finais de 2011. Alí mantivo o seu cuartel xeral durante 20 anos, servindo de soporte a infinidade de proxectos escénicos, grupos e autores que representan o máis arrisxado da escena española deste período.

Nos últimos años Chévere diversificado o seu teatro, como resposta á complexidade actual dos procesos creativos e á crise de financiacmento da cultura. Participou en proxectos audiovisuais como Pepe O Inglés (serie emitida en televisión), Crebinsky, o filme (longametraxe en cine) ou A Viaxe dos Chévere (documental). Executou innovadores proxectos de creación en internet como Amores Prohibidos 2.0, xunto a un grupo de adolescentes. E converteu o seu teatro nunha ferramenta de divulgación, sensibilización e comunicación transversal a moitos sectores da sociedade (divulgación científica, promoción do pequeno comercio, sensibilización sobre temas de igualdade e violencia machista).

Dende 2012, Chévere desenvolve un proxecto de residencia teatral no Concello de Teo (A Coruña), un modelo experimental de relación público-privado que ten como obxectivos fixar o funcionamento dunha compañía de teatro a un espazo estable implicándose nunha contorna local para rendibilizar o uso dos espazos públicos, mellorar a estabilidade laboral dos profesionais do teatro e capitalizar o prestixio e o know how dunha compañía como Chévere en beneficio da comunidade que a acolle.

En 2015 a compañía puxo en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sostido en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e axentes sociais e culturais.