Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Eroski Paraíso

Eroski Paraíso

Eroski Paraíso é a nova produción de Chévere para 2016-17, a primeira logo de recibir o Premio Nacional de Teatro. Un traballo que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade dunha pequena vila galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, convertida agora nun supermercado Eroski.

Eroski Paraíso, guía para as probas ABAU 2019

EROSKI PARAÍSO DE CHÉVERE

GUÍA PARA O ALUMNADO DAS PROBAS ABAU 2019

 

ÍNDICE

1. CHÉVERE

1.1. BIOGRAFÍA
1.2. O PREMIO NACIONAL DE TEATRO
1.3. TRAXECTORIA

2. EROSKI PARAÍSO, CONTEXTO HISTÓRICO E SOCIAL

2.1. A CRISE FINANCEIRA DE 2008 E O ESTADO DE BENESTAR
2.2. GLOBALIZACIÓN E CONSUMISMO
2.3. TRANSMISIÓN INTERXERACIONAL
2.4. XENTE NORMAL EN LUGARES PEQUENOS

3. EROSKI PARAÍSO, CONTEXTO ARTÍSTICO E CULTURAL

3.1. O TEATRO ACTUAL
3.2. O TEATRO DOCUMENTAL
3.3. O CINE DE NON FICCIÓN

4. EROSKI PARAÍSO: ANÁLISE DA OBRA

4.1. ENCAIXE NA TRAXECTORIA DE CHÉVERE
4.2. O PROCESO DE CREACIÓN
4.3. O TEXTO
4.4. ACTOR/ACTRIZ E PERSONAXE


1. CHÉVERE

1.1. BIOGRAFÍA

Chévere é unha compañía de axitación teatral con 30 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro.

Chévere actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais (na rúa, en barcos, ríos, aeroportos, carpas de circo, escaparates...). Usando o humor como filosofía e a risa como expresión, as súas obras levan ao palco os debates do presente, documentándoos escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi foron recentemente obras como Eroski Paraíso (2016), Testosterona (2009), a triloxía Citizen (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) ou As Fillas Bravas (2015).

Chévere creou a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en 1992, un espazo cultural independente único pola súa singularidade, ocupándose da dirección artística ata o seu peche a finais de 2011, precipitado pola persecución do goberno local do PP. Alí mantivo o seu cuartel xeral durante 20 anos, servindo de base a gran parte da produción cultural da cidade e a infinidade de proxectos escénicos e musicais, grupos e autores que representan a creación máis arriscada deste período en Galicia, Portugal e España.

A partir de 2005 Chévere diversificou o seu teatro de operacións, como resposta á complexidade actual dos procesos creativos e á crise de financiamento da cultura.  Participou en proxectos audiovisuais como Pepe O Inglés (serie emitida en TVG), Crebinsky, o filme (longametraxe en cine) ou A Viaxe dos Chévere (documental).  Executou innovadores proxectos de creación en internet como Amores Prohibidos 2.0, xunto a un grupo de adolescentes. E converteu o seu teatro nunha ferramenta de divulgación, sensibilización e comunicación transversal a moitos sectores da sociedade (divulgación científica, promoción do comercio retallista, sensibilización sobre temas de igualdade e violencia machista).

Desde 2012, Chévere desenvolve un proxecto de residencia teatral no Concello de Teo (A Coruña), un modelo experimental de relación público-privado que ten como obxectivos fixar o funcionamento dunha compañía de teatro a un espazo estable implicándose nunha contorna local para rendibilizar o uso dos espazos públicos, mellorar a estabilidade laboral dos profesionais do teatro e capitalizar o prestixio e o know how dunha compañía como Chévere en beneficio da comunidade que a acolle.

En 2015 a compañía puxo en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva que desbordan o núcleo estable da compañía, un laboratorio de creación sustentado en redes de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e outros axentes sociais e culturais, co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir, contados en primeira persoa. Na Berberecheira incubáronse tres proxectos: Goldi Libre (2016), de César Goldi. Salvador (2017), de Borja Fernández. Anatomía dunha Serea (2018), de Iria Pinheiro.


1.2. O PREMIO NACIONAL DE TEATRO

“Concédese o Premio Nacional de Teatro, correspondente ao ano 2014, á compañía Chévere, pola súa coerente traxectoria de creación colectiva baseada en fontes do teatro documento e na súa transgresión de xéneros.

O xurado salienta a súa verquente humorística e participativa, sempre conectada coa realidade social e económica, tal e como demostra nos seus últimos espectáculos Citizen, Eurozone e Ultranoite no País dos Ananos. Por outra parte, o xurado subliña que, tendo un forte compromiso con ámbito cultural galego, Chévere consegue unha crecente proxección internacional. Asemade, valora o achegamento do teatro a distintos colectivos sociais e ao ámbito pedagóxico, fomentando a participación cidadá, como se apreza na súa plataforma web redenasa.tv” (BOE, 19 decembro 2014)

O Xurado, presidido pola directora Xeral do INAEM, Montserrat Iglesias, coa vicepresidencia da subdirectora Xeral de teatro, Cristina Santolaria, estIvo formado por Gregoria Navarro (Teatro Gayarre, Pamplona), Itziar Pascual, (a proposta do instituto de investigacións feministas da Universidad Complutense de Madrid), Roberto Pascual (MIT Ribadavia), José Manuel Sánchez (Eusebio Calonge-La Zaranda), Salvador Sunyer (Festival Temporada Alta) e José Ramón Barea (Premio Nacional de Teatro 2013).



1.3. CHÉVERE. TRAXECTORIA

Este documento está baseado no índice do libro CHEVERE 3.0, que repasa a traxectoria da compañía desde 1987 a 2018, incluíndo unha longa entrevista con Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xron e Manuel Cortés, así como fotografías, deseños e imaxes inéditas, que será publicado pola Editorial Kalandraka en 2019.

Que Chévere! Os inicios 1987-1991

Chévere xorde como grupo na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela, onde presenta o seu primeiro espectáculo: Servicio Discrecional. A partir do seguinte ano incorpóranse novos membros ao grupo, procedentes do ámbito universitario, estabilizándose un primeiro equipo formado por John Eastham, Miguel de Lira, Xesús Ron, Blanca Cendán e Vicente Mohedano. Chévere apende a facer teatro na rúa, usando a arquitectura como escenario e intervindo teatralmente sobre distintos espazos urbanos, históricos e naturais. Mostra disto son Supersonic, I Congreso Internacional de Monstros, La Vie en Rose, Acibeche e numerosas accións puntuais realizadas en lugares como as Torres do oeste (Catoira), a Universidade de Santiago ou o río Tambre. A partir de Salomé, Chévere inicia o seu traballo en teatros.

Servicio Discrecional (1987)
Algarabía teatral composta por unha serie de sketches situados no traxecto que vai da cidade de Santiago á praia de Baroña.

Supersonic, o mal non acouga (1988)
Un tebeo teatral sobre heroes e viláns, usando fachadas, prazas e rúas como escenario.

Salomé, unha aventura no Cdg (1989)
Versión libre do texto de Oscar Wilde, convertido nun delirio traxicómico a través do uso dos anacronismos.

Río Bravo (1990)
Musical que recrea libemente o xénero do western, mesturando elementos do teatro físico, do absurdo, da comedia, do cine e do cómic.

I Congreso Internacional de Monstros (1990)
Evento para-teatral para intervir sobre a cidade de Santiago, con distintas accións e intervencións en espazos e soportes urbanos ao longo de tres días.

La Vie en Rose (1991)
Catálogo de accións en rosa para distintos espazos urbanos da cidade polaca de Jelenia Gora: prazas, pasos de cebra, paredes medianeiras...

Acibeche (1991)
Culebrón de rúa. Distintas secuencias que simulaban a rodaxe nas rúas de Compostela dun falso culebrón para a televisión.

 

Proxecto Nasa. 1992-1997

Chévere crea a Nasa en 1992, abrindo un período de crecemento baseado na auto-organización da compañía á marxe das dinámicas do teatro galego de entón e das propias políticas culturais da época. A creación da Nasa implicaba posicionarse no medio cultural e intervir na contorna social e urbana de Santiago de Compostela. Ao mesmo tempo, significaba conectarse co mundo. A Nasa convértese nun foco de cultural local e Chévere conecta coa Rede de Teatros Alternativos do Estado Español e con numerosas iniciativas artísticas de Portugal e Latinoamérica. Volcando todos os seus esforzos na Nasa, Chévere está optando polas marxes e non polo centro, polo máis próximo e non polo masivo, pola xente e non pola elite, por facer barrio como forma de facer país, por colectivizar os logros individuais e xerar retorno social desde a produción cultural.

Big Bang (1992)
Espectáculo con música en directo, unha viaxe alucinante pola Vía Láctea da man de Enstín e Jaukín.

Máquina Total (1994)
Sátira clown sen palabras, protagonizada por tres Very Important Persons que veñen inaugurar a máquina total.

Cabaret Tan Tan (1994)
Espectáculo de café-teatro.

Annus Horríbilis (1994)
Píccola Ópera Portábile, unha opereta íntegramente cantada en galego, cinco voces con acompañamento de piano, que narraba distanciadamente as liortas dunha suposta casa real galega.

Órbita Mutante (1997)
Pachanga teatral. Teatro de variedades, música ao vivo e proxeccións para festas patronais, chiringuitos e festivais de verán.

A Ultranoite, o ADN de Chévere
Cabaré político creado na Nasa con participación de numerosos artistas galegos, que usa o formato do teatro de variedades para facer escarnio da actualidade.


Chévere reinvéntase. 1998-2003

En xaneiro de 1998 a Nasa reabre cun espazo totalmente reformado e coa intención de consolidar a medio prazo un ambicioso plan de teatro estable de proximidade. Ao mesmo tempo Chévere entra nunha fase de crise existencial, liberdade e procura creativa que o leva a experimentar con todo tipo de formatos e proxectos diversos, algúns deles de gran complexidade de produción, pero todos igualmente singulares e innovadores. Con esta presa de espectáculos de risco, Chévere non perde o humor, senón que o aborda desde outras situacións, mantendo un público fiel que segue incrementándose.

Valle Inclán Pirata (1998), unha zona teatral temporalmente autónoma
Espectáculo anfibio, navegable e nómada pola costa atlántica de Galica e Portugal, co-producido co grupo Trigo Limpo de Portugal e coa Expo’98 de Lisboa.

A rutina é o deber de todas as criaturas (1999)
Poema escénico músico-estupefacto composto por 12 secuencias animalizadas, musicadas e cantadas.

hero.es (1999)
Unha peza de teatro político para o novo milenio. Un puzzle escénico argallado con anacos de cabaré, narración oral, teatro contemporáneo, drama calderoniano, absurdo, performance e música a capela.

Ana Pudor (1998)
Un cruce de camiños entre La Bella Otero e La Polaca, acompañada por un satélite de seis cordas que describe unha órbita atonal arredor do tango, do baiao, do bolero, do blues, do jazz, do cabaret de entreguerras, da rumba e do cuplé.

Clownfutbol (2000)
Un partido de fútbol xogado en escena desde a lóxica do pallaso. Unha producción de gran formato feita para a Capitalidade Cultural Europea do ano 2000, con participación de actores e actrices de distintos países.

Casa Tomada (2000)
Instalación escénica nun espazo urbano da cidade histórica de Santiago de Compostela, sobre a era post-turística.

O Navegante (2001)
Fantasía electrodoméstica ubicada dentro dunha carpa semi-esférica, sobre a vida dun feto e a clonación humana.

Radio Universo (2002)
Espectáculo de teatro radiofónico sobre a primeira misión galega ao espazo exterior. 10 capítulos de 15 minutos emitidos por Cadena Noroeste.

Escapárate (2003)
Pezas breves ubicadas dentros dos escaparates das tendas do centro comercial aberto da zona monumental de Compostela.

 

Chévere berra Nunca Máis. 2002-2005

A experiencia de ter formado parte dunha cidadanía en rebeldía dentro do movemento Nunca Máis afectou a Chévere, ao que tiña que ser unha compañía de teatro no século vinteún e ao que significaba o traballo creativo e cultural dentro da nosa sociedade. A participación no Colectivo Burla Negra foi intensa durante varios anos, compartindo unha práctica emancipatoria man a man con compañeiros e compañeiras do mundo da creación e da cultura galega.

Río Bravo 02 (2002)
En medio da catástrofe provocada polo verquido do petroleiro Prestige fronte as costas galegas, Chévere estrea unha revisión do seu Río Bravo para celebrar os quince anos da compañía.

A carpa do País de Nunca Máis (2003)
Chévere encargouse da coordinación artística dunha carpa de circo ambulante que xuntou a cultura de axitación social aglutinada arredor do movemento cidadán Nunca Máis.

Hai que botalos (2005)
Chévere coordinou e participou no proxecto de creación dunha película colectiva que denunciaba a xestión dos distintos gobernos de Manuel Fraga.

 

Cabo San Lourenzo Misións Espectaculares. 2005-2008

Chévere toma conciencia da forza tranversal que exerce o traballo cultural, da capacidade do teatro para comunicarse coa sociedade. Chévere convértese nun axente cultural con estratexia propia para incidir na súa contorna. Abrirse un sitio fóra dos circuítos estritamente teatrais e culturais, descentralizando a actividade do grupo. Dotarse dunha estrutura profesional e dunha visión como compañía. O resultado foi a creación dunha nova produtora, Cabo San Lourenzo Misións Espectaculares, organizada en tres áreas de actividade: a produción escénica (Chévere), a produción audiovisual (Cabo) e a xestión dun espazo propio (Nasa). Dentro da produción escénica, diversificouse o tipo de proxectos ao teatro científico, o teatro con perspectiva de xénero, ao sector do comercio ou dos eventos, e empezou a darse forma a un plan para facer confluír Chévere e a Nasa.

Chévere inténtao na televisión: Pepe O Inglés (2005/06)
Serie que foi emitida na TVG en dúas tempadas en 2006 e 2007. Tratábase dunha comedia de situación, protagonizada por Pepe, propietario dun taller de reciclaxe, home fascinado por todo o inglés que leva unha vida caótica argallando inventos. "Pepe o Inglés" amosa tamén a vida dun barrio que se resiste a perder a súa personalidade e sucumbir aos ataques da especulación.

Tentacular (2006), a cultura en circulación
Espectáculo musical, teatral, circense e audiovisual de ambientación submarina, feito dentro dunha carpa de circo con participación de 42 artistas de distintas disciplinas e procedencias.

Chévere inténtao na ciencia: Alá no fondo hai sitio abondo (2007)
Espectáculo sobre nanotecnoloxía para a Semana da Ciencia 2007.

Chévere inténtao no cine: Pulposition; Crebinsky, o filme

 

Chévere residente. 2009-2017

En 2009 a Xunta de Galicia publica unha innovadora convocatoria para crear compañías residentes. Chévere presenta un proxecto que resulta gañador e inicia por fin o desexado plan para facer confluír o traballo da compañía e da sala. Durante dous anos desenvolve con éxito rotundo ese plan de residencia escénica na Nasa. En 2011 o novo goberno do PP na Xunta decide suprimir a convocatoria de compañías residentes. Ao mesmot tempo o goberno do PP no concello de Santiago suspende toda colaboración coa Nasa e con Chévere, o que provoca o peche da sala Nasa despois de vinte anos de funcionamento. Chévere vese obrigada a marchar da cidade, atopando acollida no concello de Teo, onde seguirá desenvolvendo un plan de residencia teatral ata 2019, coa única colaboración do concello, pois os recortes en cultura durante os anos da crise foron enormes. Entón é cando o traballo de Chévere é recoñecido co Premio Nacional de Teatro 2014, a primeira vez que unha compañía galega recibe tal recoñecemento, o máis importante do teatro en España.

Testosterona (2009)
Espectáculo sobre identidades sexuais e construción de xénero.

Teatro con perspectiva de xénero: I’ll be watching you, As Fillas Bravas
Desde 2010 Chévere mantén unha liña de traballo transversal por un teatro con perspectiva de xénero, xerando pezas que tratan especificamente a igualdade, o machismo e a violencia de xénero.

Citizen (2010-11)
Triloxía dedicada á globalización a partir da análise do fenómeno Zara/Inditex, coa que Chévere se adentra no teatro documental.

Amores Prohibidos, teatro 2.0 (2012)
Versión libre de Romeo e Xulieta de W. Shakespeare feita a través de internet e das redes sociais con participación dun grupo de adolescentes da ESO do IES A Cachada de Boiro.

Eurozone (2013)
Sátira política sobre a crise financeira e as súas consecuencias na Unión Europea, establecendo un paralelismo entre a banda de ladróns da película Reservoir Dogs de Tarantino e os líderes políticos europeos.

Ultranoite no País dos Ananos (2014)
Espectáculo musical que analizaba con acidez, amargura e moito humor a historia recente de Galicia.

A Viaxe dos Chévere (2014)
Película documental dirixida por Alfonso Zarazua, sobre a situación dunha compañía de teatro que é expulsada da súa cidade por razóns políticas e ten que continuar co seu traballo, ensaiando e xirando cos seus espectáculos.

Eroski Paraíso (2016)
Comedia documental sobre o desarraigo, construída a partir das historias recollidas na vila de Muros sobre unha sala de festas que acabou converténdose nun supermercado.

A Berberecheira (2015-2018)
Un laboratorio de creación no que Chévere acompaña e dá soporte para producir obras doutros artistas, historias baseadas en experiencias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con feitos e movementos colectivos. Goldi Libre (2016), de César Goldi sobre a súa experiencia como insubmiso xulgado e condenado a dous anos de cárcere; Salvador (2017) de Borja Fernández, sobre a historia do seu avó emigrado e desaparecido en Brasil; e Anatomía dunha Serea (2018), de Iria Pinheiro, sobre a súa experiencia no parto, unha denuncia da violencia obstétrica que seguen vivindo moitas mulleres.

Chevereografías (2016-2018)
Proxecto de investigación sobre narrativas locativas, que poñen en relación unha historia cos espazos nos que suceden. Son pezas que se desenvolven nas rúas dunha cidade, nas que o público segue a historia a través de dispositivos mp3 e ten que seguir as indicacións que se lle dán ou seguir a un actor ou actriz. De momento fixéronse: Chelo, paseo nº 1 (2016) no barrio da Magdalena de Ferrol; Compostela 8717 (2017) pola cidade de Santiago; e outras tres historias para Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro (2018).



2. EROSKI PARÍSO: CONTEXTO HISTÓRICO E SOCIAL

Eroski Paraíso foi estreada en marzo 2016.
Primeiro en Donosti/San Sebastián e unha semana despois en Muros.

Eroski Paraíso é un proxecto escénico construído sobre a idea da promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influír nas decisións de compra. Unha obra que retrata o desarraigo propio dunha xeración que medrou mentres se impoñía a globalización.

2.1. A crise financeira de 2008 e a creba do Estado de Benestar

En 2008 creba a histórica banca Lehmann Brothers en Estados Unidos, a causa da especulación sen control que practicaban as principais entidades financeiras do mundo. O efecto foi inmediato e infinidade doutras entidades bancarias entran en crise, ameazando con colapsar a economía occidental. Estados Unidos é a primeira en rescatar con diñeiro público algunhas importantes aseguradoras e bancos privados. Seguiranlle Reino Unido, Alemaña e, por suposto, España. A crise financeira en España é aproveitada para liquidar os restos das caixas de aforro, entidades financeiras público-privadas obrigadas a reinvestir parte dos seus beneficios en proxectos sociais e culturais. Practicamente todas as caixas de aforro existentes son privatizadas, despois de seren rescatadas e saneadas con diñeiro público. Galicia é un caso paradigmático, pois liquidou en menos de tres anos as dúas grandes caixas existentes: Caixa Galicia e Caixanova.

A especulación financeira estaba directamente vencellada co mercado inmobiliario. Durante os anos anteriores a 2008 en España houbo un furor construtivo, produto da liberalización do uso do chan a partir dunha lei aprobada no Congreso que permitía construír en solos antes calificados como de uso agrario ou protexido. A construción de milleiros de novas vivendas foi financiada polos bancos e caixas de aforro, que ao mesmo tempo concedían centos de milleiros de créditos hipotecarios sen garantías.

O colapso das entidades bancarias supuxo a paralización do sector da construción, que era o que concentraba a maior parte dos postos de traballo creados nos anos anteriores. Centos de milleiros de persoas perderon o seu emprego. Infinidade de empresas subsidiarias tiveron que pechar. O consumo resentiuse inmediatamente, impactando na totalidade da economía. E para pechar o círculo da crise, milleiros de persoas e familias que acababan de mercar unha vivenda non podían pagar a hipoteca e foron desaloxadas e desafuizadas, perdendo non só a casa senón tamén adquirindo unha débeda millonaria de por vida (porque en España se non podes pagar a hipoteca non só perdes a propiedade da vivenda, senón que tes que pagar integramente o crédito concedido para esa vivenda, aínda que xa non sexa túa).

A principal consecuencia do rescate con diñeiro público da banca privada foron os recortes económicos nas políticas públicas, maiormente en sanidade, educación e cultura, pero que afectaron moi negativamente ás axudas á dependencia das  persoas maiores, doentes ou con diversidade funcional, á investigación científica, á cooperación internacional, ás políticas de igualdade, etc. Todo o diñeiro público tiña que ser dirixido a pagar o rescate da banca, que en España se estima nuns 60.000 millóns de euros. Mesmo o PSOE e o PP pactaron a modificación da Constitución para priorizar o pago da débeda sobre o gasto social.

Despois desta crise, xa nada foi igual nas democracias europeas. O Estado do Benestar desaparece tal e como o coñeciamos. Chámase Estado do benestar ao resultado dos consensos acadados despois da II Guerra Mundial, froito dos cales tamén se constituíron organización supranacionais como a ONU e a CEE. Basicamente o que se fixo foi implantar unhas políticas públicas de redistribución da riqueza entre os de arriba e os de abaixo, amparadas e reguladas polos estados. É o que se coñeceu como social-democracia. Un dos maiores logros de Europa na súa historia.

2.2. Globalización e consumismo

A metáfora que se usa en Eroski Paraíso para falar dos efectos da globalización é a existencia en Muros dunha sala de festas (O´Paraíso) que foi transformada nun supermercado Eroski. Esta metáfora serve para sinalar o feito de que os espazos de socialización antes da globalización eran sitios como as salas de festas, onde a xente da comarca bailaba e moceaba, e agora, en plena economía globalizada, eses mesmos espazos de socialización son os supermercados, onde a xente acode a mercar. A lóxica económica transformou o noso xeito de vivir e a nosa cultura. A distancia entre bailar e mercar pode servir para medir o progreso real da nosa sociedade e para mostrar como nos convertimos en consumidores antes que en cidadáns. Pasamos de ser unha sociedade do benestar a ser unha sociedade de consumo.

A globalización é un fenómeno que se foi desenvolvendo a partir dos anos 70 e que no inicio do século XXI xa é unha realidade en todo o mundo. Entre os seus efectos están a deslocalización da produción de bens de consumo aos países do Terceiro Mundo (Latinoamérica e Asia principalmente), o incremento da actividade comercial e do transporte internacional e a dependencia das economías occidentais do mantemento de altos niveis de consumo.

Ademais, a globalización tende a uniformizar o consumo en todos os países, incluíndo o consumo cultural, transformando o xeito de vida propio, como en España, en beneficio do modelo anglosaxón dominante. Neste contexto, as culturas de nacións sen estado e aquelas que teñen un reducido número de usuarios, están en perigo de desaparición se non se dan procesos de recuperación, conservación e impulso. A situación das linguas minorizadas como a galega é un caso paradigmático deste fenómeno.

2.3. A transmisión xeracional

Un tema destacado de Eroski Paraíso é a transmisión xeracional. Outro dos efectos da globalización foi a interrupción dos mecanismos culturais que garantían a transmisión de cultura, experiencia e valores dunha xeración á seguinte. Ao producirse unha substitución da cultura propia por outra allea, a autoridade das xeracions máis vellas perde todo o seu valor e moitas veces serán elas as que necesitarán unha aprendizaxe das xeracións máis novas. Esta é a fenda cultural aberta entre os nativos dixitais (as persoas que xa naceron nun mundo conectado a través de internet) e os demais.

O personaxe do avó AVELINO padece alzheimer, polo que a súa memoria está desaparecendo. Con este personaxe maior, que non fala nin se relaciona cos demais, queremos sinalar a perda desta transmisión cultural interxeracional e a situación de perda e abandono na que se atopan moitas persoas maiores na sociedade actual.

Os personaxes de EVA e TOÑO pertencen a unha xeración que viviu a transformación da sociedade da que falamos. Eles aínda coñeceron o mundo e o xeito de vida anterior á globalización e foron testemuña directa do seu avance imparable. O impacto que tivo neles a globalización é o desarraigo, a perda das súas raíces culturais, lingüísticas, familiares, afectivas. Andaron polo mundo á procura dos beneficios que lles tocaban dentro do Estado de Benestar e non os deron atopado. Ao final do camiño estaba a crise económica.

O personaxe de ÁLEX pertence ás xeracións máis novas. Non coñeceu o mundo do seu avó nin o mundo dos seus pais cando eran novos. Pero ela volve a Muros, onde naceu, para recuperar esas raíces culturais e afectivas que tamén lle pertencen. ÁLEX está buscando o seu lugar no mundo e precisa saber quen é. Por iso volve ao pobo no que naceu, por iso volve xuntar aos seus país e por iso quere facer unha película sobre a memoria dos seus pais.

2.4. A vida da xente normal que vive en lugares pequenos

As obras de teatro, as películas, as series, os videoxogos, os cómics ou as novelas habitualmente están protagonizadas por xente heroica ou poderosa. As mulleres son novas e guapas, os homes son valentes e fortes. A acción transcorre en cidades ou castelos, avións e aeroportos, durante unha aventura, unha guerra ou calquera outro conflicto. É raro ver persoas normais, sen grandes aventuras na súa vida, protagonizar estas historias que nos transmiten as creacións culturais.

Por iso escollemos unha historia que sucede nunha pequena vila da costa galega. Por iso os protagonistas da historia son xente traballadora de mediana idade con vidas pouco interesantes. Porque nos parece importante levar ao escenario estas historias menores, visibilizar a estas persoas que son a maioría da poboación, poñer o foco en vilas periféricas desas que están perdendo poboación constantemente. A arte e o teatro en particular serven para poñer diante dos nosos ollos moitas realidades que non aparecen nas cancións, no cine, na televisión e nos vídeoxogos de difusión maioritaria.



3. EROSKI PARAÍSO: CONTEXTO ARTÍSTICO E CULTURAL

Eroski Paraíso é un artefacto escénico. Dito doutro xeito, é unha obra de teatro. Por iso non podemos situala dentro dun contexto literario, porque a súa natureza non é apenas literaria. Ademais do texto, son igualmente importantes o espazo, a situación, os obxectos, a iluminación, o movemento, o son, a estética, o xeito de actuaren os actores e actrices... Por tanto, para situar a obra falaremos máis ben de contexto escénico, artístico ou cultural.

3.1. O teatro actual

Eroski Paraíso pódese relacionar coas tendencias máis actuais do teatro contemporáneo. Desde comezos do século XXI o teatro contemporáneo occidental (Europa e América) interesouse por temas políticos e sociais, polos debates do presente. Cada vez é máis importante saber desde onde se conta a historia. O rol do actor agora non se reduce a representar un personaxe, senón que é tan importante a persoa que interpreta como o personaxe que aparece en escena. A realidade do escenario cobra igual ou máis importancia que a ficción que se representa. E a obra de teatro que se presenta ao público concíbese como o resultado dun proceso de creación que cada vez é máis aberto e participativo.

O teatro de Chévere deixouse influír por algunhas das tendencias máis estimulantes do teatro actual e en Eroski Paraíso podemos advertir a pegada do teatro documental (aquel que leva ao escenario un feito real apoiándose na documentación existente), así como das correntes máis novas do denominado “cine de non ficción”.

3.2. O teatro documental

Eroski Paraíso ten un tratamento documental. A historia constrúese sobre un feito real, a existencia na vila de Muros dunha sala de festas que foi transformada nun supermercado Eroski. Para chegar ao que se ve no escenario, antes fíxose un traballo de investigación e documentación. Fixéronse moitas entrevistas: ao construtor da nave orixinal, a camareiros, aos donos da sala de festas, ao rotulista que fixo o logotipo e tamén a moita xente de Muros, de distintas xeracións, que coñeceu de primeira man a sala de festas. Por outro lado, recuperamos fotografías, material gráfico, cadernos contables, a vaixela (vasos, copas, pratos, tazas...) e mesmo algúns elementos do mobiliario orixinal da sala de festas. Todo este material está presente na obra e foi a base sobre a que se construiu a historia.

As orixes do denominado teatro documento hainas que buscar na prolongación desa corrente de teatro político iniciada con Erwin Piscator na Europa dos anos 20 e continuada por Peter Weis nos anos 60. Pero o que máis interesa en relación con Eroski Paraíso son unha serie de prácticas escénicas xurdidas dende o dousmil, que traballan directamente coa documentación da realidade como material básico para construír proxectos escénicos. Fixarémonos sobre todo nos procedementos do teatro documental que se foi desenvolvemento en diversos países latinoamericanos, nomeadamente Arxentina, Chile, Perú, Colombia e Bolivia.

Inicialmente este tipo de prácticas serviron a unha nova xeración que se incorporou ao teatro dende comezos do 2000 para botar unha mirada crítica ao pasado recente destes países, caracterizado pola aparición de violentas ditaduras militares durante os anos 70 e 80. Este tipo de prácticas documentais son realizadas precisamente por xoves nacidos nesas décadas, e que en moitos casos non viviron en carne propia o peor deses procesos. Falamos de traballos como Mi vida después (Arxentina 2009) ou El año en que nací (Chile, 2012), de Lola Arias, no que un grupo de xoves nacidos durante a ditadura reconstrúen a mocidade dos seus pais a partir de fotos, cartas, cintas, roupa usada ou relatos.

3.3. O cine de non ficción

Eroski Paraíso é tamén un diálogo entre a liguaxe do teatro e a do cine. Un exercicio de estilo para contar con ferramentas puramente escénicas e teatrais unha rodaxe cinematográfica. Neste sentido cobra un protagonismo especial a ausencia de cámaras na obra, convidando ao espectador a decidir coa súa propia mirada individual cal é o plano en cada momento, coma se os seus ollos fosen a cámara. É un xeito de incorporar o público ao espectáculo.

O documental é un dos xéneros cinematográficos que, ao longo dos últimos anos, mostrou un maior nivel de risco e innovación, xerando un debate arredor da súa definición e dos seus límites. Sen desprezar calquera outra caracterización do que é o cine documental actual, ou cine de non ficción, poderiamos definir como documetais as películas que son realizadas deste xeito:

• A rodaxe é en directo, con persoal e recursos técnicos limitados, actuando in situ e co menor grao de manipulación técnica posible.
• A elaboración da película é consecuencia das circunstancias que a rodean, a investigación é a que conduce a película.
• Facendo efectiva a acción de informar sobre un feito real sobre o que se leva a cabo un proceso de investigación sistemático.
• Adoptando un punto de vista discursivo evidente.



4. EROSKI PARAÍSO:
ANÁLISE DA OBRA

4.1. Encaixe dentro da traxectoria de Chévere

O teatro de chévere cambiou moito desde os seus inicios. Foi dando cada vez máis importancia a historias de temática social, cun tratamento crítico da realidade e na procura de solucións narrativas e escénicas máis complexas. Eroski Paraíso desenvolve o traballo de documentación escénica da realidade iniciado en 2010 coa triloxía Citizen (unha obra sobre a globalización a partir da historia de Amancio Ortega e Zara) e máis tarde con Eurozone e os proxectos da Berberecheira.

4.2. O proceso de creación

Unha parte fundamental do proceso de creación é a investigación e documentación da sala de festas, feita a través dun intenso traballo de campo en Muros e concellos veciños ao longo de varios meses.

Despois rexistramos, catalogamos e organizamos os materiais resultantes: fotografías da época, gravacións das entrevistas e grupos de discusión feitas in situ, material gráfico, mobiliario, arquivos, relatos, anecdotas e todo tipo de testemuñas sobre a sala de festas.

De seguido entramos no local de ensaio e traballamos na construción dos personaxes. Facémolo a partir de improvisacións, incorporando información obtida na fase de documentación. A través dos personaxes creamos a situación, neste caso é a rodaxe dunha película documental que Álex está facendo sobre o día no que se coñeceron os seus pais na sala de festas O´Paraíso de Muros.

Para escribir a historia colocamos aos personaxes na situación escollida e imos probando e improvisando escenas a partir das ideas e das propostas do equipo de dirección. É unha fase de proba-erro. Probamos moitas cousas e quedámonos só con aquilo que nos interesa, que nos gusta e serve para a historia. Ao mesmo tempo, vanse matizando os diálogos e unha persoa desde fóra dalles forma para que non haxa repeticións, para que non sexan redundantes, para concretar mellor as intencións do que se di e para que as relacións entre os personaxes sexan máis coherentes.

Na última fase de ensaios incorpórase a escenografía, o vestiario, o atrezzo, o son e a iluminación. Fanse pases completos da obra e correccións constantes. Tamén se fan algúns pases con público convidado para identificar erros ou problemas de ritmo, comprensión e comunicación.

4.3. O texto

O texto non é a única base sobre a que se constrúe a obra. O texto non existe a priori, senón que se vai creando sobre a marcha durante o proceso de creación. O texto non ten un único autor, senón que se nutre de relatos orixinais da xente que entrevistamos, de improvisacións feitas durante os ensaios, de retoques constantes, de ideas, frases e poéticas diversas, tanto do equipo da obra como de fóra. O texto non ten unha elaboración estilística nin tampouco unha intención literaria. É un vehículo para transportar a historia e facilitar a comunicación co público. Para Chévere o texto é máis ben un rexistro que queda da obra.

4.4. Actor/actriz e personaxes

Eroski paraíso caracterízase por un tipo de actuación que escapa da teatralización, tratando de provocar a inmersión do actor/actriz no personaxe ata que pareza que non está actuando, senón sendo ese personaxe. Pode parecer fácil, pero un dos traballos máis difíciles para unha actor ou unha actriz.

Eva é unha muller traballadora de mediana idade, que vive en Muros co seu pai, a quen ten que coidar e atender porque padece alzheimer. Ela sempre quixo fuxir da súa vila, vivir lonxe, vivir outra vida distinta. Pero as circunstancias acabaron devolvéndoa a Muros. Fala sempre en castelán, quizais por iso, por querer sentirse doutra parte, pero tamén porque a xente da vila coma ela sempre quixo diferenciarse de quen viña das aldeas e da montaña.

Toño é un home traballador de mediana idade. Naceu e criouse na aldea de Arcos, na zona máis alta e interior de Mazaricos. Quixo ver mundo e prosperar e marchou coa familia a outras cidades e a outras latitudes. É unha persoa espontánea, vitalista, nada reflexiva. Deixouse levar por onde a vida quixo levalo e acabou ancorado nas Illas Canarias coma unha creba. Volver a Muros e atopar de novo a Eva para recordar aquel día no que se coñeceron, faille cuestionarse algunhas cousas da súa vida e preguntarse se non estará a tempo aínda de volver e vivir ao seu xeito.

Álex é unha rapaza de vintecinco anos que está acabando de estudar cine en Barcelona e vai facer un documental sobre os seus pais como traballo de fin de estudos. Ela naceu en Muros, pero moi pequena xa marchou cos seus pais e andou toda a vida dun lado para outro. Para ela facer esta película, ademais de descubrir a súa propia voz como cineasta, ten que servir para recuperar unhas raíces culturais, afectivas e familiares que lle axuden a atopar o seu sitio nun mundo globalizado.