Rede Nasa
Curva España
Curva España
Abrimos este espazo para documentar o proceso de creación de Curva España, o novo proxecto de Chévere que se estreará en xullo de 2019. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local: a da Curva España, situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.
-
Unha sesión de fotos
Hoxe aproveitamos que o inverno dera unha tregua para ir sacar unhas fotos que nos acompañásen nos comezos de Curva España e que nos valesen como material gráfico mentres acabamos de definir a imaxe do novo espectáculoo. Estamos nunha fase inicial e aínda non sabemos exactamente que camiño vai coller o proxecto, así que de momento decidimos ir ao seguro: aparecerían Xron, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e unha vía de tren.
Así que alá fomos no coche, acompañados polo sol de inverno, na procura dun anaco de vía ao que aínda se puidese acceder. Alguén nos falara dun tramo de vía abandonada non lonxe de Santiago, pero, cando chegamos, logo dun paseo polo medio do monte e de meter os pés nun lameiro, descubrimos que a xente fora levando aos poucos os ferros e as travesas, e que do antigo trazado ferroviario só quedaba unha longa franxa deprimida que semellaba a vacía dun río seco.
Non nos demos por vencidos e dirixímonos á antiga estación de Berdía, onde aínda se conserva o edificio do despacho de billetes, os bancos para agardar o tren e mesmo un vello letreiro de RENFE. O camiño de ferro, desaparecido.
Resignados, volvimos a Santiago e entramos na estación polo lado de Pontepedriña. Arrombados nun recuncho, e ocultos pola obra da futura estación intermodal atopamos por fin raís, travesas e, probablemente, un dos derradeiros anacos de vía que quedan sen valar.
Fai login ou rexístrate para poder comentar