O sobriño de Negreira fai unha aparición fugaz na Ultranoite, pero ben merece un póster coma este. Poñédelle vós o texto.
Rede Nasa
Comentarios
Aproveitando as funcións do País dos Ananos en Teo, Alfonso Zarauza e o seu equipo están recollendo imaxes relacionadas co espectáculo, con Chévere, coa Nasa e sobre todo coa Ultranoite para unha peli documental que se presentará no verán. Aquí vos deixamos a testemuña dunha secuencia gravada para este documental, coa banda da Ultranoite (Xacobe, Max e Manuel) e máis Arantza tocando e cantando entre montes de grava e asfalto.
Sábado noite e teatro petado, un clásico da Ultranoite que se repetiu unha vez máis na Ramallosa. E coma sempre, a combinación de sala chea, teatro e madrugada deu como resultado unha función intensa, cómplice e moito máis divertida.
Hoxe 23 de abril é o Día do Libro e algunha xente anda a preguntar se os ananos len. Ben, pois polo que fumos descubrindo os ananos non che son moito de ler, son máis de falar e se é en voz alta moito mellor. Son bestas sociais, que pacen en grupo e fuxen da soedade que implica a lectura. Para un anano pasar moito tempo consigo mesmo é un perigo. Moitas veces un convite ao suicidio. Este medo ancestral explica por que o anano non para moito tempo no mesmo sitio. Tampouco é de levar cousas nas mans, a non ser que teñan unha utilidade inmediata: un paraugas para non mollar a cabeza, unha navalliña para calquera imprevisto, unha escopeta para soltar uns tiros no monte, un palillo para escarvar os dentes, un volante para gastar pista... Os ananos tampouco son de mercar calquera cousa, fóra daquilo que se poida comer, beber, matar ou pisar cos dous pés. E os libros non entran en ningunha destas categorías. Os libros e demais obxectos de lectura se cadra son para botarlles un ollo, como quen non quere a cousa. Porque os ananos desconfian da palabra escrita, para eles é cousa de estranxeiros, de cobardes que non dan a cara e se agochan entre liñas.
Se o outro día vos falábamos da relación dos ananos coa música, hoxe falámosvos da música composta para o Pais dos Ananos, as enormes cancións que Xacobe Martínez Antelo fixo especialmente para este espectáculo e interpretadas en directo polo equipo Chévere. O tema que vos deixamos aquí é o de apertura, que vos pode dar algunhas pistas sobre o espectáculo. Se queres, tamén podes ler a letra na columna dereita deste blog, que xa che deixará clariño por onde van as cousas.
Algunhas fotos publicadas en Pontevedraviva que dan unha imaxe do que podes atopar no espectáculo: http://pontevedraviva.com/cultura/11406/chevere-ultranoite-pontevedra-cabaret-fracaso/?phpcan_action=favoritos#/0
Pasaron xa vinte anos dende que a Sala Nasa acolleu a Ultranoite fundacional, o espectáculo a partir do cal nacería o formato máis característico do Grupo Chévere, o cabaré noctámbulo, irreverente, subterráneo e perrallas a partir do cal é posible reconstruír boa parte da historia recente de Galicia. Dúas décadas despois, dende o asombro que nos produce o feito de que este cabaré colectivo e improvisado teña sobrevivido ata o 2014, queremos facer unha parada e renderlle homenaxe a este xénero propio que desempeñou un papel tan importante na historia da compañía, que fixo de trampolín para tantos actores, que reuniu a tantas persoas e que acabou por despegar do escenario orixinal da Nasa para instalarse noutros teatros máis ou menos alleos. Por iso, desta vez, o equipo das ultranoites, músicos e actores, xuntouse para preparar unha viaxe ao país dos ananos. A diferenza de Gulliver, nós non tivemos que coller ningún barco para chegar aí, tan só cruzar a porta da casa e mirar ao noso redor cun extra de curiosidade e distancia.
Madrid leva 10 días sen recollida de lixo por unha folga dos traballadores da empresa encargada do servizo, despois de que este fose privatizado. Van botar á rúa a máis de 1000 persoas e ao resto vanlle recortar o salario nun 40% (gañarán entre 600-700€). A cidade é unha esterqueira, as papeleiras rebentan de merda, os parques están asulagados polo lixo... E nós iniciamos a terceira semana de funcións. Este martes moitísima xente. Vai ser boa a semana.
E pola noite debate no CDN dentro do ciclo "Los lunes con voz". O tema era "Eurozone, hai alternativas? Pero ao final o debate estivo polarizado e diminuído pola presenza dun ponente tirado dunha tertulia de Intereconomía que salferiu o diálogo con ideoloxía precociñada e lugares tan comúns que aborrecían a un santo. O resto ben, capeando o temporal como puideron, aí estiveron Carlos Berzosa, Ricardo Zaldívar e César Molinas tratando de dar algunhas claves para entendermos a crise e os horizontes de futuro da Unión Europea. Foi curioso ver este debate dentro do espazo escénico da obra, dáballe outra perspectiva pero quedáballe que nin pintado.
Onte foi un día moi completo. Pola tarde fumos a Torrespaña, onde teñen a sede dos informativos de TVE para participar no programa de cultura da canle 24 horas. A verdade é que todo o mundo nos tratou moi ben, especialmente ben, mesmo con cariño. Será que non estamos afeitos. Especialmente próximo foi Moisés Rodríguez, a quen agradecemos de corazón o apoio e simpatía que nos ofreceu desde que veu ver a obra con José Hervás, a quen tamén coñecimos e saudamos antes de entrar no plató. Tamén pasaron por alí os presentadores Lara Síscar e Diego Losada, que é de Monte Alto. Tivemos a oportunidade de ser espectadores dun informativo que se fai en directo e ver de perto ao presentador Antonio Gárate á fronte. Esta foto documenta este momento.