A orixe
Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que agora, despois dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, os directores Jorge Coira e Xesús Ron deciden converter en longametraxe.
Nela nárrase a rodaxe dun documental que Álex, unha nova cineasta, está filmando nun decorado onde se superpoñen a antiga discoteca Paraíso e o actual supermercado Eroski.
Este é o retrato dunha xeración que o tiña todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se percorrese o corredor dun supermercado.
Eroski Paraíso é unha metáfora viva da transformación social que tivo lugar nos últimos 35 anos en España.
O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena.
Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos, foi convertida nun supermercado Eroski, un feito que, cambiando os nomes, se repetiu en infinidade de lugares de España onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización se volveron espazos de consumo. Esta é tamén unha historia de desarraigo: a historia de alguén que non parou en ningún sitio para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivese estado parada no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor.