Info breve sinopse
Curva España
A historia da curva na que se matou España
Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral. Este proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense) durante os últimos cen anos.
Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.
#chévere #cinescénico #documental #alegórico