Rede Nasa
Curva España
Curva España
Abrimos este espazo para documentar o proceso de creación de Curva España, o novo proxecto de Chévere que se estreará en xullo de 2019. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local: a da Curva España, situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.
-
Unha película documental ao vivo
Iniciamos o tratamento dramatúrxico da obra sobre unha base bastante concreta, unha idea que xa ronda o proxecto desde o comezo: montar a obra coma unha película, un thriller documental. Trataría sobre a investigación arredor dun enxeñeiro que aparece morto durante a construción da vía do tren Zamora-Ourense. Durante a investigación descúbrese unha trama de intereses e corrupcións relacionados coa construción do trazado da vía do tren, como chegan a interferir cuestións ideolóxicas sobre outras de carácter técnico, como pode ser a propia vertebración do territorio, evitar a conexión con Portugal, priorizar que todas as liñas teñan como destino Madrid, o centro do estado, etc.
A principal referencia van ser os formatos documentais sobre crimes reais (true crime) que proliferan en plataformas como Netflix ou HBO. Pelis e series como The Keepers, The Jinx, The Staircase, Amanda Knox, Casting JonBenet..., que, sen perder a súa base real e afondando nas entrevistas e testemuños, forzan os límites da realidade para construir un artefacto narrativo moi efectivo e suxerente.
A idea é mesturar teatro e cine ao vivo. Construír un filme ao vivo en escena e mostralo nunha pantalla simultaneamente. Non é algo especialmente orixinal, estase facendo moito, pero neste caso pode ser un xeito moi eficaz para contar a nosa historia. Teremos en conta as experiencias desenvolvidas por moita outra xente, como a directora brasileira Cristiane Jathay, a británica Katie Mitchell ou o suízo Milo Rau, con procedementos e resultados moi diversos. Nós terémoslle que dar a nosa voltiña ao formato, adaptalo aos recursos que ofrece a historia da Curva España e facelo noso. Traballaremos en varios espazos nos que irá discorrendo a obra, como pequenos sets nos que se irán gravando distintas escenas: declaracións, entrevistas, debates, situacións dramatizadas... Os actores iranse caracterizando en escena para cada momento. En escena tamén estaría a operadora de cámara e alguén editando ao vivo o que se proxecta na pantalla (montando entrevistas gravadas previamente e escenas feitas en directo), a iluminación irá por cada set, coma se fose feita desde dentro do escenario e non tanto para mirar desde fóra.
Fai login ou rexístrate para poder comentar