Rede Nasa
Curva España
Curva España
Abrimos este espazo para documentar o proceso de creación de Curva España, o novo proxecto de Chévere que se estreará en xullo de 2019. Coma outras veces, partimos dunha historia moi local: a da Curva España, situada na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o deseño do trazado da variante sur da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense.
Resultados da busca
Buscaches por TeatroDocumento
Atopamos 15 posts e 0 páxina de artista.
Máis de 12.000 persoas asistiron ás funcións de Eroski Paraíso no ano 2016
Eroski Paraíso pecha o ano cuns resultados extraordinarios, 10 meses despois da súa estrea: 42 funcións feitas en 27 localidades de 4 comunidades, 12.048 espectadores, un índice de ocupación do 84% e unha media de 286 espectadores por función. Datos que non só documentan a magnífica acollida por parte do público, senón que veñen demostrar a solidez e o potencial de crecemento das artes escénicas en Galicia. Ver teatros cheos tantas veces e en tantos sitios reconcílianos cun país que seica ama o seu teatro e as historias nada complacientes da súa memoria recente. Para Chévere este ano 2016 quedará retratado nos teatros ateigados ata o último curruncho de Muros, Teo, A Coruña, Cangas, Ribadavia, Cariño, Vilamarín, Oleiros, Carballo, Mazaricos, Outes, Ames, Pontevedra e, sobre todo, Compostela. Moitas grazas por acompañarnos!
Así foi o obradoiro de Chévere en Matadero Madrid para incorporar un veciño ao elenco de Eroski Paraíso
Chévere compartiu cun grupo de homes maiores de 65 anos de Madrid unha práctica-obradoiro a partir dos materiais que se usaron para construír Eroski Paraíso. O obradoiro levouse a cabo nunha das salas de taballo das Naves do Español no Matadero o 29 de novembro, orientada por Patricia de Lorenzo e Xesús Ron. En total inscribíronse 35 persoas, das que se seleccionaron 14, procedentes de distintos barrios da ciudad e dalgúns concellos cercanos, con idades comprendidas entre os 65 e os 76 anos. A sesión foi intensa e o tempo pasou axiña. Comprobamos que o teatro e a escena forman parte importante da vida de moitas persoas maiores, non só como espectadoras senón como usuarias, creadoras e practicantes. Para nós foi unha inxección de enerxía e ganas de vivir. Para eles intentamos que fose unha oportunidade de integrarse e coñecer desde dentro o traballo, o xeito e a poética dunha compañía profesional cunha longa traxectoria. Unha compañía que ademáis vén de lonxe, dun contexto diferente ao seu. A experiencia foi plena, entendímonos perfectamente, falamos do noso e do seu, probáronse en escena xunto a Patricia e deixaron que os grabásemos coa nosa cámara. En xaneiro compartiremos o escenario cun deles, Ricardo Lacámara, e agardamos velos a todos no teatro.
Do 19 de xaneiro ao 5 de febreiro Eroski Paraíso estará na Sala Max Aub das Naves do Español en Matadero.
Os insubmisos e a xente de Rompan Filas opinan sobre Goldi Libre
Unha das alegrías que nos deu Goldi Libre foi recibir a visita dun amplo grupo de insubmisos e outras persoas do movemento Rompan Filas, que viñeron ver a obra e quedaron un anaco con nós logo de que rematase para contarnos que lles parecera. Este é o vídeo que gravamos ese día.
Goldi libre! presentarase no auditorio da Illa de Arousa o venres 9 de decembro
A próxima presentación de Goldi Libre será no Auditorio da Illa de Arousa o venres 9 de decembro ás 21,00h. Será a primeira vez nos últimos 18 anos que un traballo co selo Chévere se presente na Illa. Unha razón máis para non perderse esta cita. As entradas pódense mercar xa aquí.
Precisamente un dos obxectivos da Berberecheira é chegar a lugares aos que normalmente non é posible acceder e ampliar as redes de circulación do teatro galego. Traballar exclusivamente pola billeteira é algo que, nas circunstacncias actuais, é practicamente imposible para unha produción escénica profesional de formato mediano ou grande. Con esta peza unipersoal estamos en disposición de facer un novo esforzo e asumir o risco de traballar pola billeteira, sempre que contemos coa complicidade, o apoio e a colaboración dos espazos, como neste caso. A singularidade do proxecto, o compromiso persoal e profesional de Goldi e a gran acollida do público son un aval para iniciar esta aventura. Vémonos na Illa!
Práctica teatral para homes maiores de 65 anos vencellada a Eroski Paraíso, Matadero-Madrid 29 novembro
Chévere organiza en Matadero-Madrid un obradoiro dirixido a homes maiores de 65 anos, co obxectivo de incorporar a un dos participantes ao elenco da obra durante a tempada que a compañía realizará na Sala Max Aub, nas Naves do Español, en xaneiro de 2017. O obradoiro terá lugar o martes 29 de novembro, entre 10,00h. e 14,00h. Aquí tedes toda a información.
Estrea oficial de Goldi Libre no Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO)
O 18 de outubro foi a estrea oficial de Godi Libre no FITO, no espazo da antiga capela do Campus Universitario de Ourense. A presenza dun traballo de laboratorio coma este nun festival consolidado como o FITO abre novas posibilidades de relacionarse, promovendo a existencia doutro tipo de espectáculos e procesos de creación en Galicia. Moitas grazas ao FITO e á xente de Sarabela por confiar na Berberecheira e ser cómplices de traballos menos comerciais pero máis necesarios. A peza funcionou extraordinariamente ben para un público que non coñecía de primeira man os feitos que se contaban e aos seus protagonistas, pero que encheu totalmente o aforo da antiga capela. E comprobamos que un espazo non convencional nin teatral coma este reforza a autenticidade dos feitos que se contan.
Función escolar de Goldi Libre para o alumnado do IES de Cacheiras (Teo)
Coincidindo coa estrea en Teo de "Goldi libre", o primeiro proxecto creado na Berberecheira, fíxose unha función especial para o alumnado de bacharelato do IES de Cacheiras (Teo), unha actividade incluída no proxecto de residencia do grupo Chévere. Sorprendeunos o interese con que seguiu a obra e a súa magnífica resposta, tanto nos momentos máis divertidos como nas escenas máis íntimas e arriscadas. Comprobamos que a conscrición, o pacifismo e a desobediencia civil son temas que interesan á mocidade, aínda que agora non teñan que afrontar a obriga do servizo militar aos 18 anos.
Despois desta exitosa proba, confiamos en repetir a experiencia e compartir este necesario espectáculo de teatro documento co alumnado doutros institutos galegos.
César Goldi ofreceu unha charla sobre o movemento de insubmisión no IES de Cacheiras
César Goldi ofreceu unha charla sobre o movemento de insubmisión ao alumnado do IES de Cacheiras que ao día seguinte asistirían a unha función da obra "Goldi Libre" no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo). Goldi contou ao alumnado a súa experiencia como insubmiso, achegándolles un testemuño do que significou a loita antimilitarista e da súa peripecia persoal, ademais de falar do que implicaba para os mozos a obriga de incorporarse durante un ano ao servizo militar.
A estrea de Goldi Libre converteuse nunha "concentración antimilitarista"
A estrea de Goldi Libre no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo) foi ademais un punto de encontro para numerosos insubmisos e activistas que tiveron un protagonismo especial no movemento de insubmisión en Galicia, moitos deles militantes do colectivo Rompanfilas de Santiago de Compostela. Ao rematar a función, o público que enchía o auditorio recoñeceu o seu labor cunha ovación unánime.
Eroski Paraíso presentarase o 18 de xaneiro de 2017 en MADferia, a feira das artes escénicas de Madrid
O pasado 9 de novembro, MADferia presentou en Mercartes (o mercado das artes escénicas de Valladolid) a programación da súa edición 2017, que se celebrará entre o 17 e o 20 de xaneiro en Matadero Madrid. Entre as compañías participantes, o director de MADferia Javier Pérez Acebrón, salientou a presencia de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), que estreará en Madrid o Eroski Paraíso dentro do marco da feira, o mércores 18 de xaneiro na Sala Max Aub-Naves do Español.
Documentando a insubmisión
O 19 de xaneiro de 1994, César Goldi foi condeado a dous anos, catro meses e un día de cárcere, logo de ter rexeitado realizar tanto o Servizo Militar como a Prestación Social Substitutoria. Goldi foi un dos milleiros de mozos que se declararon insubmisos como parte dun movemento que desembocaría na abolición da mili no ano 2001.
Co obxectivo de reconstruír o camiño percorrido por Goldi ata chegar ao Cárcere Provincial de Coruña, pero tamén a historia do movemento insubmiso en Galicia, realizouse un amplísimo traballo de documentación, que incluíu xuntanzas con membros deste movemento, avogados e mesmo unha nova viaxe a Coruña para recuperar a sentencia na que se decidíu a súa condea.
Aínda que só unha pequena parte deste material aparece recollida no espectáculo, queremos aproveitar este espazo para compartir con vós o que fomos descubrindo neste proceso e, para comezar, nada mellor que darlles voz aos que construíron esta historia.
Reliquias do Paraíso
Parte do traballo de creación de Eroski Paraíso supuxo pasar moitas horas entrevistando á xente que unha vez traballara no Paraíso, ou que contribuíra dalgún xeito a crealo. Entre eles estiveron Tucho Carou e Manolo do Paraíso, promotores e donos da sala, que nos cederon parte do material que aínda conservaban, e que se incorporou posteriormente ao espectáculo.
Once funcións coas entradas esgotadas
Logo de case un mes sen parar un momento, por fin sacamos un anaquiño para darvos as grazas a tod@s: Eroski Paraíso está a ser a estrea máis potente de todas as que recordamos. Levamos once funcións (en Muros e Teo) esgotando entradas e 1.750 espectadores en algo menos de un mes.
Alá imos!
Xa podes ver Eroski Paraíso! Proximamente estaremos en Teo, Lalín e Coruña, pero podes seguir as vindeiras datas a traves do noso web.
Mentres tanto, podes ver este trailer.
Eroski Paraíso en dFeria
Eroski Paraíso presentouse o 7 marzo en dFeria, a Feira das Artes Escénicas que se celebra anualmente en Donosti. Chévere foi a única compañía galega presente na feria e colleitou moi boas críticas co seu novo espectáculo.