Para quen?
As Fillas Bravas é un espectáculo para todos os públicos, pero xa temos comprobado que ofrece un aproveitamento lúdico e pedagóxico especialmente axeitado para dos segmentos de público moi interesantes á hora de crear e formar novos espectadores:
-Rapazas e rapaces entre 14 e 18 anos. A obra ten unha montaxe moi sinxela que permite actuar en aulas e salóns de actos de calquera instituto de ensino medio ou formación profesional. Para este tipo de funcións, ofrecemos unha unidade didáctica para uso dos docentes interesados que achega moitos materiais e recursos para traballar nas áreas que fundamentan a obra, como a igualdade, a educación afectivo-sexual e a prevención da violencia machista (libros, artigos, vídeos, músicas, planes de igualdade, webs, blogs, etc.), ademais de propoñer e describir unha serie de actividades para desenvolver nas aulas. Tamén se ofrece a posibilidade de realizar un obradoiro despois de ver a obra.
-Maiores de 65 anos. A obra está protagonizada por tres mulleres maiores que provocan a empatía deste tipo de público, ofrecéndolle especialmente ás mulleres unha boa dose de autoestima. Pola sinxeleza da montaxe, a obra tamén pode adaptarse a espazos non especificamente teatrais, como centros cívicos, residencias e mesmo patios e cubertos de casas particulares. Ofrécese a posibilidade de realizar un coloquio ao rematar a función, moderado e animado por persoal especializado.