As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
As Fillas Bravas en todo recuncho canto hai. Unha das cousas mais gratificantes deste espectáculo é que se pode presentar en case calquera sitio. Hai escenarios ideais como os Pendellos da Agolada, dentro da feira Corazón da Artesanía ou o campeiro da Capela de San Bartolomé de Valdoviño como remate dunha andaina desde a Lagoa da Frouxeira.
As Fillas Bravas viaxaron o pasado 10 de marzo a Mondim de Basto, en Portugal, para participar no noveno festival de teatro Miguel Torga, dende onde nos mandan esta foto.
As Fillas Bravas completaron no local da Asociación O Cachón de Vilar de Calo, unha ampla xira polas parroquias que conforman o territorio do concello de Teo. Ao longo dos últimos meses, os cantos emancipatorios das Fillas Bravas chegaron a máis de 1.500 veciñas e veciños de Bamonde, Francos, Solláns, Lampai, Calo, Os Tilos, Luou, Pontevea, Cacheiras e Lucí. O teatro chegou a todo tipo de persoas, de todas as idades e a lugares nos que nunca chegara antes. Un traballo que foi posible grazas ao proxecto de residencia teatral que Chévere desenvolve en colaboración co concello de Teo.
O 17 de outubro a Escola Municipal de Teatro de Narón abriu o curso escolar cunha función especial das Fillas Bravas para o alumnado de todos os grupos que conforman a escola. Foi no vello auditorio municipal de Narón, no que a escola ten a súa sede. Ao rematar a función fíxose un animado coloquio entre o público e as actrices Patricia, Mónica e Arantza, moderado por Xesús Ron. Esta foto documenta o encontro. Longa vida ao teatro!
Neste vídeo-reportaxe de Quadra Producións podedes achegarvos á experiencia de levar ás Fillas Bravas actuar a unha casa da aldea de Solleiros (Esteiro, Muros) para un grupo de veciñas, coas que compartimos un tempo de lecer, conversa e comida en clave feminina.