Rede Nasa
As Fillas Bravas
As Fillas Bravas
As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
-
Bravas contra o cambio climático
As Fillas Bravas estiveron o día 10 de abril no Teatro Principal de Santiago para conducir e dinamizar a gala Bravas contra o cambio climático, no que tamén estiveron presentes o contador Celso Sanmartín, un grupo de rapaces e rapazas do Centro Cívico de Conxo e Miguel Pardellas, do grupo de investigación en pedagoxía social e educación ambiental (SEPA) da USC, que organizou o acto.
O obxectivo da gala era darlle a coñecer ao público o programa Descarboniza, que non é pouco, que nos últimos dous anos vén artellando e acompañando a grupos de persoas da cidade que estean dispostas a descarbonizar os seus estilos de vida e reducir así as emisións de gases de efecto invernadoiro.
-
Funcións de verán: nos Pendellos da Agolada e Valdoviño
As Fillas Bravas en todo recuncho canto hai. Unha das cousas mais gratificantes deste espectáculo é que se pode presentar en case calquera sitio. Hai escenarios ideais como os Pendellos da Agolada, dentro da feira Corazón da Artesanía ou o campeiro da Capela de San Bartolomé de Valdoviño como remate dunha andaina desde a Lagoa da Frouxeira.
-
As Fillas Bravas viaxan a Mondim de Basto para participar no festival Miguel Torga
As Fillas Bravas viaxaron o pasado 10 de marzo a Mondim de Basto, en Portugal, para participar no noveno festival de teatro Miguel Torga, dende onde nos mandan esta foto.
-
As Fillas Bravas percorreron o concello de Teo
As Fillas Bravas completaron no local da Asociación O Cachón de Vilar de Calo, unha ampla xira polas parroquias que conforman o territorio do concello de Teo. Ao longo dos últimos meses, os cantos emancipatorios das Fillas Bravas chegaron a máis de 1.500 veciñas e veciños de Bamonde, Francos, Solláns, Lampai, Calo, Os Tilos, Luou, Pontevea, Cacheiras e Lucí. O teatro chegou a todo tipo de persoas, de todas as idades e a lugares nos que nunca chegara antes. Un traballo que foi posible grazas ao proxecto de residencia teatral que Chévere desenvolve en colaboración co concello de Teo.
-
As Fillas Bravas inauguran o curso da Escola Municipal de Teatro de Narón
O 17 de outubro a Escola Municipal de Teatro de Narón abriu o curso escolar cunha función especial das Fillas Bravas para o alumnado de todos os grupos que conforman a escola. Foi no vello auditorio municipal de Narón, no que a escola ten a súa sede. Ao rematar a función fíxose un animado coloquio entre o público e as actrices Patricia, Mónica e Arantza, moderado por Xesús Ron. Esta foto documenta o encontro. Longa vida ao teatro!
-
As Fillas Bravas en Solleiros
Neste vídeo-reportaxe de Quadra Producións podedes achegarvos á experiencia de levar ás Fillas Bravas actuar a unha casa da aldea de Solleiros (Esteiro, Muros) para un grupo de veciñas, coas que compartimos un tempo de lecer, conversa e comida en clave feminina.
-
Como se fixo as Fillas Bravas?
A empresa Promove realizou esta reportaxe sobre o proceso de creación de As Fillas Bravas, que hoxe compartimos con vós.