Que é Rede Nasa?
Que é Redenasa?
Redenasa.tv é unha plataforma online que dá soporte a unha comunidade integrada por creadores, público e profesionais das artes vivas.
Redenasa.tv naceu en 2010 vencellada á actividade da Sala Nasa, converténdose na súa alma dixital e con intención de sobrevivila cando desaparecese o corpo material. No 2012 chegou o momento de entrar nunha segunda fase de expansión, para consolidarse como plataforma de difusión de contidos escénicos e como lugar de encontro, debate e reflexión sobre os procesos creativos.
Redenasa.tv é unha iniciativa independente, de acceso libre e gratuíto, deseñada para ser modificada, dinamizada e intervida polos usuarios.
Redenasa.tv é un dos maiores arquivos audiovisuais sobre artes vivas contemporáneas dispoñible en internet. Aliméntase do fondo documental que a Sala Nasa foi creando ao longo de 20 anos de actividade (1992/2011), co obxectivo de facelo público e accesible no prazo de dous anos (en 2012 tense publicado o 30% do mesmo), pero tamén recibe achegas de numerosos grupos, artistas e usuarios que escollen Redenasa.tv para compartir as súas obras e creacións.
En 2011, Redenasa.tv tivo 90.000 visitantes únicos, que cargaron máis de 250.000 páxinas en total.
Redenasa.tv é un teatro dixital. Porque queremos explorar as posibilidades da rede para construír novas comunidades, para producir colaborativamente novos contidos, para xerar narrativas en tempo real. Porque queremos experimentar con novas ferramentas e formatos. Porque queremos contribuír a incrementar a cantidade e a calidade dos contidos culturais en galego en internet.
Son un creador. Por que me debería interesar Redenasa?
Como creador, Redenasa.tv ofréceche unha plataforma dende a que manterte en contacto co público e con outros creadores e profesionais. Entre outras cousas, podes crear a túa propia páxina, onde subir e compartir vídeos, fotos, textos e documentos do que estás a facer e do que fixeches e recibir opinións e comentarios das persoas que se interesan polo teu traballo.
Redenasa.tv conta cunha axenda xestionada polos propios usuarios, onde podes subir directamente as túas actuacións para que os demais usuarios da rede podan acceder a elas, buscar no mapa o lugar onde terán lugar e mesmo subscribirse para que o noso sistema os avise directamente cada vez que ti actúes.
Como tes o teu material nunha páxina que tamén usan outros artistas, benefíciaste do público deles, e eles do teu. E ademais Redenasa.tv promocionará cos seus propios medios todas as novidades que se vaian publicando, asegurando unha audiencia de calidade. Redenasa.tv, ademais, ofréceche un soporte para desenvolver proxectos de creación especificamente deseñados para internet.
Gústame a música, o teatro, a danza e as artes escénicas en xeral. Por que debo visitar Redenasa?
En Redenasa.tv podes ver e compartir vídeos, fotos e textos, consultar un arquivo audiovisual que documenta a escena alternativa desde 1992 e estar ao tanto do que están a preparar algúns dos teus grupos favoritos.
Redenasa.tv dache a oportunidade de entrar en contacto cos artistas que máis che gusten, preguntarlles o que andan a facer, ver onde van estar proximamente e mesmo subscribirte a eles para non volver perder os seus espectáculos.
Ademais, Redenasa.tv é un teatro dixital onde se programarán espectáculos, onde poderás asistir a estreas, coloquios e debates e acceder á súa biblioteca. E seguirá funcionando como unha televisión á carta que che permite decidir cando e como ves o que che interesa, gardando e agrupando os teus vídeos favoritos. Recordas aquel espectáculo que viches hai cousa de dez anos e que tanto che gustou? Fedella na base de datos! Igual o temos gravado!
Como se financia Redenasa.tv?
O investimento inicial necesario para deseñar o proxecto, desenvolver o software e catalogar e dixitalizar o fondo documental foi co-financiado a través de aportacións feitas polo grupo Chévere e Redenasa.tv e das achegas públicas procedentes da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o financiamento de proxectos audiovisuais interactivos e do Ministerio de Cultura para o investimento en capital para incrementar a oferta de contidos culturais en internet. En total, o investimento realizado ata o momento foi duns 90.000 €, o 70% procedente de achegas públicas e o 30% privadas.
O custe de mantemento dunha plataforma deste tipo non é execesivamente elevado, pero se queremos garantir a operatividade do sistema hai que cubrir uns gastos fixos que inclúen principalmente o espazo de aloxamento e os custes de persoal. De momento contamos cunha persoa con adicación exclusiva e outras dúas con adicación parcial para asumir a coordinación e xestión de contidos, deseño gráfico, gravación e edición de vídeo. En total, necesitamos arredor de 35.000€ anuais para cubrir estes custes básicos.
Somos plenamente conscientes de que non podemos competir con outras ofertas de consumo masivo e, por tanto, o mercado da publicidade online non vai ser a mellor opción para obter ingresos. Se ben é certo que a nosa é unha audiencia minoritaria, tamén o é que conforma unha comunidade ben cohesionada e con intereses comúns e, sen dúbida, Redenasa.tv é un proxecto innovador e de gran valor cultural. Por estas razóns, confiamos en lograr o apoio de determinadas institucións, empresas e colectivos que actúan como promotoras de eventos, festivais, encontros, xornadas, seminarios e feiras culturais. Para eles Redenasa.tv alberga unha masa crítica que lles pode ser de gran axuda á hora de expandir as súas iniciativas. Ademáis, ofréceselles un servizo de márketing cultural online á medida e con custes reducidos.
Pero Redenasa.tv aspira a ser unha iniciativa sustentable e independente, dirixida a todas aquelas persoas interesadas en que exista unha oferta de contidos culturais de calidade en internet. Por tanto, a fonte principal de financiamento deben ser as achegas feitas pola propia comunidade de usuarios.
Se ademais de usuario queres formar parte da tripulación de Redenasa e colaborar economicamente ao seu mantemento, podes facer unha transferencia ou depósito na conta 2100 5753 03 02 00055189 a nome de Redenasa.tv. Se o prefires, podes facer esa mesma transferencia empregando o servizo de Paypal.