Patricia de Lorenzo
Patricia é integrante de Chévere desde o ano 1994 cando participou no espectáculo Annus Horribilis. Despois de tanto tempo vai aprendendo a non sufrir demasiado nas situacións de pánico que conleva o risco da creación colectiva. De formación actoral practicamente inexistente, confía a cegas na experiencia e nos proxectos nos que se embarca a súa compañía. Non atura ler os xornais frescos da mañán porque lle repugna o cheiro a tinta. A súa condición de rinítica está presente en todo momento, especialmente na época de creación de Eurozone. Aspira a pasar menos horas frente a un ordenador e máis no escenario. Sobre o concepto de Europa ten unha imaxe moi difusa e inconcreta. Intenta ler libros esclarecedores sobre a Gran Estafa da que somos víctimas, para sentir que está informada.