Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Goldi Libre

Goldi Libre

Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González. Un proxecto de teatro documento feito a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. É o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.

Presentación

Goldi libre é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión dos anos 80-90 do século XX en España, sobre as persoas que formaron parte do mesmo e sobre a súa exitosa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co aparato do Estado. Un traballo feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria.

Goldi libre é, tamén, o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral promovido e custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.

O valor documental e o valor testemuñal son dous factores clave de diferenciación que fan desta unha obra única, porque expón a vida persoal dun actor, porque leva o real ao escenario, porque ofrece abertamente unha verdade e non só unha apariencia de realidade. Dende unha perspectiva autocrítica, distanciada e irreverente, a obra ofrecerá ademais unha panorámica desenfadada do activismo social e político da esquerda dos anos 80 e 90 do século XX, cuestionando algúns dos mitos da loita anti-militarista.

Trátase por tanto de conectar a memoria individual coa memoria colectiva dunha xeración e co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral. Documentar esceenicamente un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España, que levou a centos de mozos ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia.