Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Goldi Libre

Goldi Libre

Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González. Un proxecto de teatro documento feito a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. É o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.

Sobre A Berberecheira

A Berberecheira é un banco marisqueiro enriquecido polas mareas que entran por unha Boca do Río aberta na praia de Carnota (A Coruña). Un criadeiro natural custodiado por xentes da zona para uso propio e goce do resto do mundo.

De aí nace a idea desta outra Berberecheira teatral promovida e custodiada por Chévere:

  • un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva que desbordan o núcleo estable da compañía,
  • un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación,
  • un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e axentes culturais.

Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección de Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.

Un proxecto que forma parte do plan de residencia que Chévere desenvolve co apoio do Concello de Teo.

Os proxectos sementados co apoio da Berberecheira son:

  • Goldi Libre (2016), unha historia de César Goldi sobre a súa experiencia como insubmiso preso nos cárceres de Felipe González.
  • Salvador (2017), unha historia de Borja Fernández sobre a descuberta do seu avó emigrado en Brasil e o impacto das ausencias.
  • Anatomía dunha serea (2018), unha historia de Iria Pinheiro sobre a súa experiencia no parto e sobre a violencia obstétrica.