Rede Nasa
Goldi Libre
Goldi Libre
Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González. Un proxecto de teatro documento feito a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. É o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.
-
Estrea oficial de Goldi Libre no Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO)
O 18 de outubro foi a estrea oficial de Godi Libre no FITO, no espazo da antiga capela do Campus Universitario de Ourense. A presenza dun traballo de laboratorio coma este nun festival consolidado como o FITO abre novas posibilidades de relacionarse, promovendo a existencia doutro tipo de espectáculos e procesos de creación en Galicia. Moitas grazas ao FITO e á xente de Sarabela por confiar na Berberecheira e ser cómplices de traballos menos comerciais pero máis necesarios. A peza funcionou extraordinariamente ben para un público que non coñecía de primeira man os feitos que se contaban e aos seus protagonistas, pero que encheu totalmente o aforo da antiga capela. E comprobamos que un espazo non convencional nin teatral coma este reforza a autenticidade dos feitos que se contan.
Fai login ou rexístrate para poder comentar