Rede Nasa
Goldi Libre
Goldi Libre
Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González. Un proxecto de teatro documento feito a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. É o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.
-
Función escolar de Goldi Libre para o alumnado do IES de Cacheiras (Teo)
Coincidindo coa estrea en Teo de "Goldi libre", o primeiro proxecto creado na Berberecheira, fíxose unha función especial para o alumnado de bacharelato do IES de Cacheiras (Teo), unha actividade incluída no proxecto de residencia do grupo Chévere. Sorprendeunos o interese con que seguiu a obra e a súa magnífica resposta, tanto nos momentos máis divertidos como nas escenas máis íntimas e arriscadas. Comprobamos que a conscrición, o pacifismo e a desobediencia civil son temas que interesan á mocidade, aínda que agora non teñan que afrontar a obriga do servizo militar aos 18 anos.
Despois desta exitosa proba, confiamos en repetir a experiencia e compartir este necesario espectáculo de teatro documento co alumnado doutros institutos galegos.
Fai login ou rexístrate para poder comentar