Rede Nasa

Combina os criterios de busca para atopar ese material que estás procurando


Goldi Libre

Goldi Libre

Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González. Un proxecto de teatro documento feito a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. É o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.

Resultados da busca

Buscaches por teatrogalego
Atopamos 13 posts e 0 páxina de artista.

Eroski Paraíso, o filme

A principios de setembro, o auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo) acolleu a gravación de Eroski Paraíso: o filme, un proxecto audiovisual dirixido por Jorge Coira que se realizará grazas á colaboración entre dúas produtoras culturais independentes: Chévere, dedicada ao mundo escénico, e OlloVivo, orientada aos proxectos audiovisuais.

Diario dunha serea

Falar en público dun feito traumático da túa vida non é doado. Polo menos non para min. Pero se ves que facelo pode mudar a realidade e que de pronto comezas a sentir que algo se transforma dentro de ti, entón sacas forzas para chegar ao final e poder completar esa metamorfose.

Comezamos a traballar en "Anatomía dunha serea" o tres de agosto de 2017, ese día tivemos a primeira reunión e eu sentíame feliz e chea de forza por contar a miña historia. Escribía nun diario " Daquí nun ano estarei contando no escenario o que pasou naquel paritorio". Anotei que tiña moitas dores na miña cola de serea e que me custara moito ir e vir da casa ata Compostela, pero abríase ante min un novo camiño que a día de hoxe é o que quero transitar por sempre, o da denuncia, o de utilizar a escea como medio para o cambio, esta vez sen ambaxes.

Na foto que ilustra estas letras estou expresando o que é para min a maternidade, sen querer, pois realmente estaba medindo o plano para facer un videopoema, pero ninguén o imaxinaría ao ver a unha muller cun bebé e un tendal diante. Diso se trata, de xogar e ir máis aló.

Faltan dous meses para a estrea do espectáculo, marcho agora a  poñerme en salmoira.

Novas funcións de Goldi Libre no mes de abril

No mes de abril volve Goldi Libre con catro novas funcións en Cedeira, Monforte, Oleiros e Ponferrada.

Eroski Paraíso pecha dous anos de xira en Ponteareas superando as 100 funcións

O teatro Reveriano Soutullo de Ponteareas acolle este domingo día 18 a que será a derradeira función de Eroski Paraíso ata o outono, xa que a compañía está actualmente traballando nos ensaios dun novo espectáculo, Divinas Palabras Revolution, que se estreará no Salón Teatro de Santiago o día 12 de abril. Eroski Paraíso foi a primeira produción da compañía Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. Estreada en marzo de 2016 en Donostia, en dous anos acadou as 100 funcións e foi vista por 24.118 persoas en 60 localidades de 11 comunidades autónomas, converténdos nun dos espectáculos galegos máis visto e con maior proxección estatal dos últimos anos, realizando 46 funcións fóra de Galicia.

Eroski Paraíso, espectáculo recomendado por Redescena

Eroski Paraíso vén de ser seleccionado por Redescena para o seu caderno de espectáculos recomendados, unha publicación cuadrimestral na que a comisión de Teatro e Circo da Rede Española de Teatros e Auditorios recolle as mellores obras en xira actualmente por España.

A comisión comisión de Teatro e Circo da rede é un grupo de traballo formado por 12 programadores de distintos espacios escénicos asociados de todo el territorio español, que ten como obxectivo achegarlle aos seus asociados información actualizada e de interese sobre os espectáculos do momento, para axudarlles aos espazos a confeccionar unha programación de calidade.

A Rede Española de Teatros conta actualmente con 152 asociados que xestionan espazos de exhibición de artes escénicas de titularidade pública. Forman parte dela os principais teatros e auditorios do estado, que hoxe teñen un motivo máis para contratar Eroski Paraíso.

Eroski Paraíso despide a súa tempada en Madrid emocionando a unha sala ateigada

Este é o mellor final que se pode imaxinar. Rematar unha intensa tempada de tres semanas nun teatro que está a 600 km. da túa casa e facelo coa sala ateigada, con tanta xente pedindo unha prórroga para poder ver o espectáculo, con chamamentos anónimos a non perderse esta obra, coa complicidade de persoas que nunca antes te viran, coa emoción de sentir como esa cuarta parede de cristal que construimos intencionadamente se vai derrubando diante dos teus ollos, coa certeza de que o teatro ten unha capacidade extraordinaria para facernos sentir como propias historias que son alleas. Marchamos reforzados por non ter pasado desapercibidos, reclamando unha vez máis a atención para a cultura que se fai máis alá desta cidade.

Eroski Paraíso, entradas esgotadas, Sala Max Aub, Matadero-Madrid

Chegou a terceira semana en Matadero. Esta é unha imaxe que vale máis que outras palabras. Chegar ao teatro e ver este cartel colocado na billeteira, tamén en Madrid, significa que fixeches ben o teu traballo. Que quizais esta obra merece algunha oportunidade máis.

Encontro co público e coloquio posfunción no Matadero

Onte fixemos un coloquio co público despois da función de Eroski Paraíso no Matadero. Xa estamos no inicio da terceira semana e a afluencia de público empeza a ser masiva. Sendo mércores, a sala tivo unha ocupación moi alta e foron moitas as persoas que quedaron para falar co elenco da obra. A resposta do público supera totalmente as nosas expectativas, os comentarios son demasiado bos. Xa non temos ningunha dúbida de que esta pequeniña historia tan localizada nunha pequena vila da costa galega enténdese en todas partes e chega coa mesma intensidade a todos os públicos.

Encontro e coloquio moi aberto con galegas e galegos que viven en Madrid

Somos un pobo emigrante, non podemos envitalo, en canto podemos marchamos á procura de algo que nunca máis imos atopar, pero é como se precisásemos estar suficientemente lonxe da terra para sentila cerca. Andar polo mundo facendo teatro en galego e á galega fai que nos vaiamos atopando sempre coa nosa xente esparexida en todas as direccións (en Montevideo apareceron no teatro dous mariñeiros de Carnota para ver Citizen). En Madrid a colonia galega é especialmente numerosa e diversa. E nós quixemos provocar un encontro fóra do teatro para falar de moitas cousas que nos unen a Galicia e á cultura galega e tamén un pouco do Eroski Paraíso, que tanto fala de desarraigo e de memorias espalladas. O que nos quedou claro unha vez máis é que os escenarios que visita Chévere funcionan como auténticas embaixadas de Galicia, ofrecendo acollida e orgullo propio á nosa xente emigrante.

Madrid vístese de Eroski Paraíso para recibir a Chévere

Dá gusto chegar a Madrid e atopar as rúas, as fachadas e o metro engalanadas con chamamentos ao teatro. Desta vez, ademais, tocounos a Chévere vestir algúns recantos da cidade coas fotos que Matteo Bertolino fixo de Eroski Paraíso. Un anaco de Galicia pendurado por riba e por debaixo da cidade para reclamar un intre de atención cara a escena galega. Aquí estamos!

Estrea oficial de Goldi Libre no Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO)

O 18 de outubro foi a estrea oficial de Godi Libre no FITO, no espazo da antiga capela do Campus Universitario de Ourense. A presenza dun traballo de laboratorio coma este nun festival consolidado como o FITO abre novas posibilidades de relacionarse, promovendo a existencia doutro tipo de espectáculos e procesos de creación en Galicia. Moitas grazas ao FITO e á xente de Sarabela por confiar na Berberecheira e ser cómplices de traballos menos comerciais pero máis necesarios. A peza funcionou extraordinariamente ben para un público que non coñecía de primeira man os feitos que se contaban e aos seus protagonistas, pero que encheu totalmente o aforo da antiga capela. E comprobamos que un espazo non convencional nin teatral coma este reforza a autenticidade dos feitos que se contan.

Todas as datas da xira 2016 de Eroski Paraíso

Xa temos confirmada case totalmente a xira de Eroski Paraíso durante os vindeiros meses. Serán unha chea de funcións por toda Galicia, e teremos oportunidade de actuar nalgúns sitios por onde había moito tempo que non pasábamos. Para que vaiades gardando as datas, ímosvos contando.

A vindeira función será no concello de Cariño, dentro da Mostra de Teatro Galego, que este agosto celebra a súa edición número 38. Se andas por aí, poderás vernos o día 19 ás 22.00 h. no Teatro Municipal. Posteriormente, no mes de setembro, faremos parada en Narón, o día 17, e en Boiro o día 30. (segue lendo picando no título)

Eroski Paraíso en dFeria

Eroski Paraíso presentouse o 7 marzo en dFeria, a Feira das Artes Escénicas que se celebra anualmente en Donosti. Chévere foi a única compañía galega presente na feria e colleitou moi boas críticas co seu novo espectáculo.