Rede Nasa
Goldi Libre
Goldi Libre
Autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González. Un proxecto de teatro documento feito a partir da memoria, a experiencia e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. É o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral custodiado por Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir.
-
Novas funcións de Goldi Libre no mes de abril
No mes de abril volve Goldi Libre con catro novas funcións en Cedeira, Monforte, Oleiros e Ponferrada.
-
Os insubmisos e a xente de Rompan Filas opinan sobre Goldi Libre
Unha das alegrías que nos deu Goldi Libre foi recibir a visita dun amplo grupo de insubmisos e outras persoas do movemento Rompan Filas, que viñeron ver a obra e quedaron un anaco con nós logo de que rematase para contarnos que lles parecera. Este é o vídeo que gravamos ese día.
-
Goldi libre! presentarase no auditorio da Illa de Arousa o venres 9 de decembro
A próxima presentación de Goldi Libre será no Auditorio da Illa de Arousa o venres 9 de decembro ás 21,00h. Será a primeira vez nos últimos 18 anos que un traballo co selo Chévere se presente na Illa. Unha razón máis para non perderse esta cita. As entradas pódense mercar xa aquí.
Precisamente un dos obxectivos da Berberecheira é chegar a lugares aos que normalmente non é posible acceder e ampliar as redes de circulación do teatro galego. Traballar exclusivamente pola billeteira é algo que, nas circunstacncias actuais, é practicamente imposible para unha produción escénica profesional de formato mediano ou grande. Con esta peza unipersoal estamos en disposición de facer un novo esforzo e asumir o risco de traballar pola billeteira, sempre que contemos coa complicidade, o apoio e a colaboración dos espazos, como neste caso. A singularidade do proxecto, o compromiso persoal e profesional de Goldi e a gran acollida do público son un aval para iniciar esta aventura. Vémonos na Illa!
-
Estrea oficial de Goldi Libre no Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO)
O 18 de outubro foi a estrea oficial de Godi Libre no FITO, no espazo da antiga capela do Campus Universitario de Ourense. A presenza dun traballo de laboratorio coma este nun festival consolidado como o FITO abre novas posibilidades de relacionarse, promovendo a existencia doutro tipo de espectáculos e procesos de creación en Galicia. Moitas grazas ao FITO e á xente de Sarabela por confiar na Berberecheira e ser cómplices de traballos menos comerciais pero máis necesarios. A peza funcionou extraordinariamente ben para un público que non coñecía de primeira man os feitos que se contaban e aos seus protagonistas, pero que encheu totalmente o aforo da antiga capela. E comprobamos que un espazo non convencional nin teatral coma este reforza a autenticidade dos feitos que se contan.
-
Función escolar de Goldi Libre para o alumnado do IES de Cacheiras (Teo)
Coincidindo coa estrea en Teo de "Goldi libre", o primeiro proxecto creado na Berberecheira, fíxose unha función especial para o alumnado de bacharelato do IES de Cacheiras (Teo), unha actividade incluída no proxecto de residencia do grupo Chévere. Sorprendeunos o interese con que seguiu a obra e a súa magnífica resposta, tanto nos momentos máis divertidos como nas escenas máis íntimas e arriscadas. Comprobamos que a conscrición, o pacifismo e a desobediencia civil son temas que interesan á mocidade, aínda que agora non teñan que afrontar a obriga do servizo militar aos 18 anos.
Despois desta exitosa proba, confiamos en repetir a experiencia e compartir este necesario espectáculo de teatro documento co alumnado doutros institutos galegos.
-
Recuperamos o cartel que celebraba a posta en liberdade de Goldi
Hai uns días recibimos un agasallo que enviaba un espectador. É o cartel orixinal da festa homenaxe que se organizou en Compostela para recibir a César Goldi despois da súa posta en liberdade en abril de 1995. Imos completando a documentación sobre o movemento de insubmisión en Galicia.
-
César Goldi ofreceu unha charla sobre o movemento de insubmisión no IES de Cacheiras
César Goldi ofreceu unha charla sobre o movemento de insubmisión ao alumnado do IES de Cacheiras que ao día seguinte asistirían a unha función da obra "Goldi Libre" no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo). Goldi contou ao alumnado a súa experiencia como insubmiso, achegándolles un testemuño do que significou a loita antimilitarista e da súa peripecia persoal, ademais de falar do que implicaba para os mozos a obriga de incorporarse durante un ano ao servizo militar.
-
A estrea de Goldi Libre converteuse nunha "concentración antimilitarista"
A estrea de Goldi Libre no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo) foi ademais un punto de encontro para numerosos insubmisos e activistas que tiveron un protagonismo especial no movemento de insubmisión en Galicia, moitos deles militantes do colectivo Rompanfilas de Santiago de Compostela. Ao rematar a función, o público que enchía o auditorio recoñeceu o seu labor cunha ovación unánime.
-
Cartel e datas
En menos de dúas semanas estreamos! Poderédesnos ver en no CSC da Ramallosa (Teo) os días 13, 14, 20 e 21 de outubro ás 21.00 h. As entradas podédelas mercar aquí ou, se o preferides, no Café SCQ (Santiago), A Santa Sede (A Ramallosa), Panificadora San José (Teo) e A Senra (Pontevea). Tamén estaremos o día 18 na Feira Internacional de Teatro de Ourense (FITO).
Tamén temos xa o cartel que utilizaremos para anunciar o espectáculo, que comezaredes a ver a partir deste luns pegado por Santiago e que hoxe queremos amosrvos a vós.
-
Documentando a insubmisión
O 19 de xaneiro de 1994, César Goldi foi condeado a dous anos, catro meses e un día de cárcere, logo de ter rexeitado realizar tanto o Servizo Militar como a Prestación Social Substitutoria. Goldi foi un dos milleiros de mozos que se declararon insubmisos como parte dun movemento que desembocaría na abolición da mili no ano 2001.
Co obxectivo de reconstruír o camiño percorrido por Goldi ata chegar ao Cárcere Provincial de Coruña, pero tamén a historia do movemento insubmiso en Galicia, realizouse un amplísimo traballo de documentación, que incluíu xuntanzas con membros deste movemento, avogados e mesmo unha nova viaxe a Coruña para recuperar a sentencia na que se decidíu a súa condea.
Aínda que só unha pequena parte deste material aparece recollida no espectáculo, queremos aproveitar este espazo para compartir con vós o que fomos descubrindo neste proceso e, para comezar, nada mellor que darlles voz aos que construíron esta historia.