Rede Nasa
Eroski Paraíso
Eroski Paraíso
Eroski Paraíso é a nova produción de Chévere para 2016-17, a primeira logo de recibir o Premio Nacional de Teatro. Un traballo que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade dunha pequena vila galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, convertida agora nun supermercado Eroski.
-
Eroski Paraíso pecha dous anos de xira en Ponteareas superando as 100 funcións
O teatro Reveriano Soutullo de Ponteareas acolle este domingo día 18 a que será a derradeira función de Eroski Paraíso ata o outono, xa que a compañía está actualmente traballando nos ensaios dun novo espectáculo, Divinas Palabras Revolution, que se estreará no Salón Teatro de Santiago o día 12 de abril. Eroski Paraíso foi a primeira produción da compañía Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. Estreada en marzo de 2016 en Donostia, en dous anos acadou as 100 funcións e foi vista por 24.118 persoas en 60 localidades de 11 comunidades autónomas, converténdos nun dos espectáculos galegos máis visto e con maior proxección estatal dos últimos anos, realizando 46 funcións fóra de Galicia.
Eroski Paraíso é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade da costa galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, e que pouco despois foi convertida nun supermercado Eroski, un feito que, mudando os nomes, repítese en infinidade de lugares.
A obra aliméntase do innato sentido do humor de Chévere, profundizando nunha perspectiva crítica da realidade contemporánea e explorando novas zonas de intersección entre a linguaxe cinematográfica e o teatro. Planeada como unha rodaxe dunha película documental, Eroski Paraíso retrata o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria. Porque o paraíso prometido polo Estado de Benestar en realidade ten a forma dun supermercado.
Fai login ou rexístrate para poder comentar