Rede Nasa
Eroski Paraíso
Eroski Paraíso
Eroski Paraíso é a nova produción de Chévere para 2016-17, a primeira logo de recibir o Premio Nacional de Teatro. Un traballo que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade dunha pequena vila galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, convertida agora nun supermercado Eroski.
-
Encontro e coloquio moi aberto con galegas e galegos que viven en Madrid
Somos un pobo emigrante, non podemos envitalo, en canto podemos marchamos á procura de algo que nunca máis imos atopar, pero é como se precisásemos estar suficientemente lonxe da terra para sentila cerca. Andar polo mundo facendo teatro en galego e á galega fai que nos vaiamos atopando sempre coa nosa xente esparexida en todas as direccións (en Montevideo apareceron no teatro dous mariñeiros de Carnota para ver Citizen). En Madrid a colonia galega é especialmente numerosa e diversa. E nós quixemos provocar un encontro fóra do teatro para falar de moitas cousas que nos unen a Galicia e á cultura galega e tamén un pouco do Eroski Paraíso, que tanto fala de desarraigo e de memorias espalladas. O que nos quedou claro unha vez máis é que os escenarios que visita Chévere funcionan como auténticas embaixadas de Galicia, ofrecendo acollida e orgullo propio á nosa xente emigrante.
Fai login ou rexístrate para poder comentar