Rede Nasa
Eroski Paraíso: o filme
Eroski Paraíso: o filme
Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada por Chévere que agora, tres anos despois, se convirte nunha longametraxe. Nela nárrase a rodaxe dun documental que Álex, unha cineasta nova, está filmando nun decorado onde se superpoñen a antiga discoteca Paraíso e o actual supermercado Eroski. Este é o retrato dunha xeración que o tiña todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se percorrese o corredor dun supermercado.
-
Eroski Paraíso, no festival de Cans
Do 22 ao 25 de maio celebrouse unha nova edición do Festival de Cans, que dende 2004 recolle boa parte da produción audiovisual galega. Nesta ocasión, Chévere ao completo acudiu ao festival para presentar a versión cinematográfica da súa obra Eroski Paraíso, un proxecto dirixido por Jorge Coira/Xron que se realizou grazas á colaboración entre dúas produtoras culturais independentes, Chévere e OlloVivo, e contou co apoio do Concello de Teo, Vegalsa-Eroski e Deleite.
Logo do tradicional desfile en chimpíns polas rúas de Porriño, o equipo da película entrou no ateigado salón de baile do Círculo Recreativo Cultural para asistir á proxección. Aínda que isto é cine, o ambiente e a resposta do público foron os mesmos que na función de teatro e ao rematar os aplausos prolongáronse durante moitos minutos. A capacidade dunha historia tan local para conectar con todo tipo de públicos, a habilidade de Jorge Coira para traducir á linguaxe do cine a narrativa escénica da peza orixinal e a forza interpretativa de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Cristina Iglesias sorprenderon, convenceron e emocionaron. Estade atentas, porque Eroski Paraíso estrearase en salas a finais de 2019.
Fai login ou rexístrate para poder comentar